Actualización 4/08/2021 – comunicado do PP de Melide
Bisbarra, 3 de agosto do 2021 – As últimas axudas concedidas polo Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ulla Tambre Mandeo veñen de ser postas en duda por distintos grupos políticos.
Tanto o PSdeG de Melide como o grupo Adiante Melide, emitiron comunicados nas súas redes sociais nas que poñen o foco nunha axuda concedida polo GDR á voceira do PP Dalia García.
O pasado día 27 o GDR celebrou a súa Xunta Directiva. Na reunión acordáronse distintas subvencións entre as que se concede unha a Dalia García, voceira do PP de Melide, por un importe de 177.643 euros. A axuda ten como fin a “Rehabilitación da antiga ccasa reitoral de Santo Estevo de Vilamor, en Toques, para a implementación dunha pensión de 3 habitacións no Camiño Primitivo”.
Tanto Adiante Melide como o grupo Socialista lembran que a Xunta Directiva do GDR está conformada polo Alcalde do Pino, como Presidente, como Vicepresidentes os alcaldes de Touro e a Alcaldesa de Boimorto, como Tesoureiro o Alcalde de Vilasantar e como secretaria a propia Dalia García Couso “todos membros, ou ex membros, do Partido Popular”.
Os grupos engaden ás súas críticas o feito de que o proxecto de Dalia García recibira maior puntuación “que outros de maior calado social como o dun Centro de Día para o concello de O Pino”.
O voceiros socialista, José Antonio Prado, opina que “Os veciños e veciñas merecen unha explicación clara e contundente dun feito ao noso xuízo grave, pois estamos ante a aprobación dun proxecto particular dun membro da directiva do GDR Dalia García, que se financiará con cartos públicos”.