Cultura para as parroquias de Brión

0

Brión, 11 de xuño do 2021 – O Concello de Brión organiza, do 18 de xuño ao 8 de xullo, a segunda edición do programa “Brión coa cultura”, dez espectáculos de balde  para as parroquias do concello.

“Brión coa Cultura” consiste en espectáculos musicais e teatrais de pequeno formato. O público que asista disporá da súa cadeira, non permitíndose seguir o espectáculo de pe. Así mesmo, as actuacións terán lugar nos adros das igrexas parroquiais de Ons, Cornanda, Luaña, Os Ánxeles, Bastavales e Viceso.

A única excepción será a parroquia de Brión, onde as actuacións terán lugar nun espazo máis senlleiro como é a carballeira de Santa Minia. Todos os espectáculos darán comezo ás 19:00 horas, coas únicas excepcións das dúas actuacións do Ciclo de Jazz e o concerto de Ruth Cundíns.

A concelleira de Cultura, Sandy Cebral, explica que “en vista do éxito acadado na primeira edición, decidimos apostar por unha segunda na que os espectáculos cheguen aos adros das igrexas parroquiais cumprindo todos os protocolos de seguridade establecidos polas autoridades sanitarias e tratando de minorar o duro golpe que supuxo a pandemia para o sector cultural, moi importante neste concello”.

Programa

“Brión coa Cultura” estrearase o vindeiro venres 18 de xuño coa actuación de A Banda do Verán, co seu espectáculo “A Casa do Terror”. Será ás 19:00 horas, na carballeira de Santa Minia. Unha semana despois, o venres 25 de xuño, Charo Pita e Xoán Curiel porán en escena “Canta miña pedra, canta”, ás 19:00 horas no adro da igrexa parroquial de Ons. O luns 28 de xuño, ás 19:00 horas, o adro da Igrexa de Cornanda acollerá a actuación “Cantares das Letras”, de Luís Vallecillo. Un día despois, o martes 29 ás 19:00 horas, o adro da igrexa da Luaña acollerá a posta en escena da peza teatral “U-la lúa”, de A Xanela do Maxín.

O mércores 30, uns vellos coñecidos como Os Quinquilláns porán en escena “Por que é salgada a auga do mar?”, ás 19:00 horas no adro da igrexa dos Ánxeles. E o 1 de xullo, Títeres Alakrán pechará esta serie de actuación no adro da igrexa de Bastavales, tamén ás 19:00 horas. Porán en escena “Os soños na gaiola”.

Para o venres 2 de xullo, o Concello de Brión ten programada un novidoso Ciclo de Jazz na Carballeira de Santa Minia. Constará de dúas actuacións a cargo do Dúo Rafa Fernández e do Trío Pablo Sanmamed, que actuarán ás 20:30 e 21:30 horas, respectivamente. E o domingo 4 de xullo, ás 13:00 horas, a cantante local Ruth Cundíns dará un concerto no adro da igrexa parroquial de Viceso.

A compañía Teatro do Noroeste, coa obra “Animais de compañía”, será a encargada de pechar o “Brión coa cultura” o xoves 8 de xullo, ás 19:00 horas, na Carballeira de Santa Minia. O programa “Brión coa cultura” foi elaborado polo Departamento de Cultura do Concello de Brión e conta coa colaboración da Deputación da Coruña.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial