Oroso, 11 de maio do 2022 – O Centro Cultural Fernando Casas de Novoa de Sigüeiro, en oroso, acollerá o vindeiro día 20 a estrea de “Algunhas cousas de Castelao”, a nova produción de Culturactiva.
O espectáculo está producido por Artefeito Producións e conta co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística. “Algunhas cousas de Castelao” pasea polo drama e a comedia e fai un achegamento ao humor na obra do xenio de Rianxo.
Un elenco encabezado por actores e actrices da Asociación Avante aos que se suman Isabel Risco e Fran Rei, converten esta peza teatral nunha reivindicación do teatro como ferramenta de inclusión. “Todo o mundo ten dereito a participar na cultura, non só a destrutala, tamén a creala” afirman dende Culturativa Producións. “Os proxectos como este, que normalizan e dan visibilidade á diversidade funcional, non deberían ser unha novidade senón unha normalidade”.
O público gozará dun divertido percorrido polos textos de Castelao, achegándose á súa enxeñosa forma de ver a Galiza do seu tempo. As festas populares, as xentes do mar, a retranca, o idioma, a morte, o humor, o medo… temas locais e universais que seguen a preocuparnos hoxe en día.
O equipo de “Algunhas cousas de Castelao”
A Asociación de Personas con Discapacidade AVANTE naceu no Val do Dubra coa vontade de coordinar e defender os dereitos e intereses das persoas con discapacidade e das súas familias. Traballan para promover a plena integración social a través de iniciativas como a dramatización e o teatro, realizando talleres con Fran Rei dende hai cinco anos.
Culturactiva Producións é o departamento de produción escénica da cooperativa de xestión cultural do mesmo nome, que leva máis de 20 anos traballando no sector e que produciu espectáculos como Rosalía, Conexión Pingüín,Saaabor! ou As Alumnas.
Isabel Risco é actriz, clown e pedagoga teatral. Na súa ampla traxectoria traballou en diversos programas da TVG e con compañías como Redrum Teatro, Ibuprofeno Teatro, Espello Cóncavo, Culturactiva Producións, Manicómicos, Producións Desaqueloutradas, Maquinaria Pesada e
Trinketrinke teatro. Na XII Edición dos Premios do audiovisual galego recibe o Premio Mestre Mateo á mellor interpretación feminina de reparto polo personaxe de Dona Hortensia en Era Visto!
Fran Rei é actor cómico, director, autor de guións e formador. Ten traballado con compañías como Os Sete Magníficos máis Un, Dous son Compañía, Bagunça Teatro, Culturactiva Producións ou Pallasos en Rebeldía, e participa no programa Luar (TVG). Tamén é director teatral dos espectáculo Supergalácticos, Volta á Maxia, Ritmo de Refugallo ou as dúas producións da compañía Píscore. Ademais é o monitor de dramatización e teatro na Asociación Avante e promotor e director do presente espectáculo.