Curtocircuito colle ritmo co comezo de Planeta GZ

0

Compostela, 4 de outubro do 2021 – Despois da inauguración de Curtocircuito o pasado sábado, o festival abre hoxe as sesións de Planeta GZ.

Esta sección recolle as mellores pezas galegas do último ano e esta vez conxuga narrativas tradicionais con formas experimentais. Planeta GZ mostrará este ano formatos que van dende a animación máis abstracta a outros máis próximos ao vídeo ensaio ou a comedia máis absurda, sen deixar de lado unha ficción con claros signos de rexuvenecemento.

Invitado á inauguración do Curtocircuito o pasado sábado

Planeta  GZ reúne nesta edición 12 películas que dialogan entre si sobre temas como a identidade desde a perspectiva dunha mocidade pandémica ou as feridas marcadas por un pasado aínda non superado. A primeira proxección terá lugar ás 21.30 horas no Teatro Principal coa mostra de seis traballos, entre os que se atopan novos nomes no festival como o compostelán Carlos Iglesias Losada, que presenta o seu traballo Hermosos Arándanos, ou cineastas procedentes desa canteira de novas creadoras que é Supernova como a lucense Antía Carreira, que participa con Formigón ou a cambadesa Ariadna Cordal García, que participa coa súa película Auria, última noite, dirixida xunto a Dani Cornes.

Estes nomes compartirán sección con artistas xa coñecidos que presentan os seus últimos traballos no festival como o coruñés Alberto Vázquez (Homeless Home); o lucense Brandán Cerviño (A comuñón da miña prima Andrea); e o lucense Borja  Santomé (Rumbo a  Eleusis). Tras a proxección, terá lugar un coloquio con Brandán Cerviño, Antía Carreira, Carlos Iglesias, Dani Cornes e Ariadna Cordal.

O director de Curtocircuito Pela del Álamo sobre esta edición

O resto da xornada

A xornada complétase cun pase da sección Explora e a segunda proxección de Radar. O pase de Explora terá lugar ás 17.30 horas no Teatro Principal. A selección, que reúne propostas de cinema arriscado, radical e, ás veces, esixente co ollo humano, inclúe a proxección de catro traballos: Minimal Sway While Starting My  Way Up, de Stéphanie Lagarde; Dissolution Prologue (Estended Version), de  Siegfried A. Fruhauf; The detection of faint companions, de Sandro Aguilar; ROTOЯ | Sonic Body, de NO1 (Peter Kutin, Patrik Lechner, Mathias  Lenz); e Figure Minus  Fact, de Mary Helena Clark.

Outro momento da inauguración. Imaxe Aigi Boga

Ás 19.00 horas terá lugar o segundo pase de Radar coa proxección de catro títulos: Al motociclista no le cabe la felicidad en el traje, de Gabriel Herrera; Giòng Sông Không Nhìn Thấy (The Unseen River), de Pham Ngoc Lan; Was wahrscheinlich passiert wäre, wäre ich nicht zuhause geblieben, de Willy Hans; e The Life Underground, de Loïc Hobi.

Imaxe do concerto inagural de Somos la Herencia. Imaxe Aigi Boga

As seccións Radar e Explora poderán verse en liña na plataforma Filmin ata o próximo 10 de outuro en todo o territorio español. As entradas físicas para asistir ao festival poden adquirirse en liña a través de compostelacultura.gal e presencialmente na Zona C – Punto de Información Cultural, o Teatro Principal e NUMAX só para as sesións que teñen lugar nese espazo. Toda a información sobre a venda de entradas pode atoparse na pestana de entradas da web de Curtocircuíto.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial