Defínense un pouco máis as propostas para Peleteiro

0

Compostela, 16 de xullo do 2021 – O 29 o proxecto para o solar da antiga sede do Colexio Peleteiro irá a pleno e as propostas defínense un pouco máis.

Este xoves era Compostela Aberta quen concretaba a súa proposta. Unha idea apoiada desde os colectivos veciñais e de comerciantes e que presentou á Comisión de Peleteiro.

A portavoz municipal Marta Lois e o concelleiro Jorge Duarte deron a coñecer a alternativa que mantén a prioridade da apertura dunha praza pública cara República Arxentina, incorporando unha nova rúa aberta cara San Pedro de Mezonzo.

A portavoz municipal explicou que “Compostela Aberta quere que a operación Peleteiro quede resolta, porque sabemos que iso é bo para Santiago e, en particular para o Ensanche”. Marta Lois incidiu en que “CA vén mostrando o seu ánimo propositivo desde a primeira xuntanza da comisión, demostrando que non todos somos iguais porque se a modificación do PXOM neste ámbito non está resolta desde o pasado mandato é porque o PSOE así o quixo baseándose unicamente en intereses electoralistas”.

A proposta de Compostela Aberta mantén a apertura da praza pública de case 1.400 metros cadrados cara a República Arxentina “porque temos o convencemento de que esta é a mellor alternativa, porque é a opción que demanda o tecido comercial e a maior parte da veciñanza afectada, e porque mesmo a propiedade recoñece que esta configuración lle valería para desenvolver este ámbito”. A maiores incorpórase a apertura dunha rúa cara San Pedro de Mezonzo, “que tería un ancho de 10 metros, e unha superficie de case 270 metros cadrados”. A praza estaría rodeada por tres bloques, e o que dá cara a rúa da Rosa tería menos altura que os outros dous, de xeito que non prexudicaría aos inmobles xa existentes e sombrearía menos a nova praza púbica. Ademais, “tamén quedaría resolto o problema da medianeira, que quedaría oculta tal e como demandan os técnicos”.

O goberno municipal ten tres propostas

O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, xa falou hai días de tres alternativas para peleteiro que onte concretou.

A opción cero, sinalou “coa distribución prevista, actualmente no plan xeral”. A opción un, “que en principio se corresponde coa proposta do goberno, de abrir unha rúa de 12 metros de ancho que daría a República Arxentina e a plaza, con algo máis de 30 metros de ancho”, quedaría  cara a rúa de San Pedro de Mezonzo. E a terceira opción, a defendida “basicamente polos grupos de Compostela Aberta e BNG que propón invertir eses termos, abrindo a praza cunha anchura de 30 metros cara República Arxentina, deixando unha apertura de dez metros cara San Pedro de Mezonzo”.

Hoxe terá lugar unha nova reunión na que, según o alcalde, “explicaremos as diferentes alternativas aos membros da Comisión Mixta, coas asociacións de comerciantes e as asociacións veciñais”.

O rexedor espera “que sigamos avanzando”, que a declaración ambiental estratéxica “se aprobe no pleno” e que en paralelo “poidamos seguir intentando buscar unha solución consensuada”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial