Brión, 12 de xaneiro do 2021 – O BNG de Brión demanda que se axilicen as licitacións e execucións no concello ante o deterioro do emprego.

Casa do concello de Brión
O grupo nacionalista basea a súa demanda no dato de que Brión é unha das localidades onde máis caeron as contratacións no último ano. O BNG di que “observa con preocupación a caída no número de contratos no último ano (-1543), un descenso moi superior ao que sería esperábel en función da poboación (case 8000 habitantes)”.
O BLoque engade que estes daos son “moito peores ca os doutros concellos situados na mesma faixa de poboación, como Negreira ou Melide (-1105 e -1081, respectivamente), e similares aos de municipios moito máis poboados, como Santa Comba (-1844) ou Ordes (-1789)”.
O papel do sector público
En opinión do BNG de Brión, a pandemia “non pode ser unha escusa” e pídelle á Administración local que “elimine atrancos e burocracia» para favorecer que o sector público sexa un dos motores que dinamice a actividade no concello.
O concelleiro nacionalista, Xosé Penas, e tamén Deputado provincial de contratación e di que “cada contrato non formalizado son postos de traballo e persoas con nomes e apelidos”.
Pola súa parte, o voceiro municipal do BNG, Tito Souto, salienta que o esforzo das Administracións ten que “ser maior, se cabe, debido á urxencia da situación económica en que nos atopamos”.