Bisbarra, 30 de novembro do 2020 – A Deputación da Coruña aprobou o pasado venres o POS+2021 que sube ata os 64,6 millóns de euros.
Na bisbarra a Deputación repartirá máis de 19 millóns de euros dos catro iran destinados a gasto social. No mesmo pleno aprobáronse os orzamentos para o 2021 que chegan aos 184,5 millóns de euros.
O presidente Valentín González Formoso, destacou que o Plan “crece un 37% e adáptase á difícil situación que atravesamos para impulsar a reactivación social e económica nos concellos coruñeses en 2021. Aprobamos o orzamento máis social da historia desta Deputación e o Plan Único non é unha excepción”.

Valentín Gonzalez no transcurso da sesión telemática
O vicepresidente e responsable da área de Plans da Deputación, Xosé Regueira, destacou no pleno que é “unha moi boa noticia para os concellos que unha administración pública supramunicipal lle poda adiantar que transferencias mínimas se lles vai facer durante o 2021, algo fundamental para que podan planificar, organizar e aprobar os seus orzamentos”.
A bisbarra
Os concellos da bisbarra contan no Plan Únicon con algo máis de 19 millóns de euros. Quince deles destinaranse a investimentos, gasto corrente e amortización de débeda quedando catro para gasto social.
Santiago acada a cifra máis alta cun total de 1.669.308,45 € dos que 320.521,02 € están destinados a gasto social. Ames con 1.613.368,10 € e 306.290,04 € de gasto social e o seguinte concello na lista dos que superan o millón de euros. Ordes, con 1.182.117,69 €, Teo con 1.163.074,50 € e Santa Comba con 1.120.488,16 son outros tres concellos da bisbarra que superan as seis cifras.
Aprobado o Orzamento 2021
O pleno aprobou tamén cos votos favorables de PSOE, BNG, Marea Atlántica e Alternativa dos Veciños e a abstención do Partido Popular o orzamento da Deputación para 2021, que ascende a 184,5 millóns de euros, un 0,26% máis que o presente ano.
O deputado de Economía e Facenda, Antonio Leira, explicou que o orzamento presenta un importante incremento no eido social, pasando de 11,8 a 27,4 millóns de euros (+137%) para atender aos colectivos máis vulnerables afectados pola pandemia da Covid19. Con estes fondos, a Deputación financia importantes programas como o de servizos sociais comunitarios, que permite a contratación de 300 profesionais dos servizos sociais e asistencia no fogar nos concellos coruñeses ou o servizo de Teleasistencia, que presta servizo a máis de 2.700 personas maiores en 89 concellos.
En materia de Emprego, o PEL incrementa tamén os seus fondos nun 76%, pasando de 9,1 a 16 millóns de euros e incorporando novos programas coma o PEL-Cidades (3 millóns de euros) para apoiar os plans de axuda á hostalería e pequeno comercio da Coruña, Santiago e Ferrol.
O portavoz da Marea Atlántica, Alberto Lema, criticou “a baixa execución dalgúns programas, principalmente en Vías e Obras” e presentou unha emenda, que foi rexeitada polo pleno, para detraer un 1 millón de euros dos investimentos programados nesta área e destinalo a cuestións como o aumento das bolsas de estudos, a creación dun programa de compra de maquinaria agrícola dentro do PEL ou o estudo da demarcación do Camiño dos Faros.
“Incorporaremos as súas suxerencias, pero non baixando o investimento en seguridade das estradas, que é unha competencia propia da Deputación para asumir outras impropias”, afirmou Leira, que destacou que o Goberno provincial xa incrementou a dotación das bolsas de estudos e permite investimentos no rural a través do PEL ou do Plan Único.
Ángel García Seoane, portavoz de Alternativa dos Veciños, anunciou o seu voto favorable ás contas provinciais e mostrouse “en contra das dádivas e a favor de promover o emprego con obras e servizos e de axudar ás persoas que o están pasando mal”. “Sempre demandei que a Deputación aborde as súas competencias. Estou a favor de aumentar o investimento en estradas”, apuntou.
María Muíño, voceira do BNG, destacou que a aprobación dos orzamentos “responde ás demandas da cidadanía e dos concellos, pois destina 120 millóns directamente aos concellos e permítelles planificar as súas actuacións desde o inicio do ano”.
Evaristo Ben, portavoz do Partido Popular, agradeceu “a disposición ao diálogo” do Goberno provincial para recoller algunhas das propostas do seu grupo como o apoio a entidades benéfico-sociais, o incremento do gasto social e do investimento en Vías e Obras.
Ben pediu ao presidente que “escoite a todos os grupos sen excecpión” e comprometeuse a “traballar para aportar, co fin de que as nosas propostas fagan un pouco mellor a vida dos cidadáns da provincia”.
Bernardo Fernández, portavoz do PSOE tamén destacou “o afán de diálogo do Goberno provincial” para recoller as propostas dos diferentes grupos políticos e gabou a “responsabilidade” dos diferentes grupos para sacar adiante o orzamento.
Finalmente, o presidente, Valentín González Formoso, agradeceu tamén o “ton construtivo” do debate para aprobar os orzamentos, “un instrumento fundamental para reactivar a economía e apoiar aos que máis o necesitan”, apuntou.