Compostela, 15 de xaneiro do 2021 – A Deputación da Coruña organiza este sábado en Compostela a Feira da Edición e Libro Ilustrado que debido a pandemia será virtual.
Esta feira forma parte da Mostra Internacional de Ilustración Contemporánea. A Deputación organiza a FELiiC, sen publico pero con emisión online, na sede de Afundación co obxectivo de “facilitar o acceso nun momento en que as restricións sanitarias impiden a circulación entre concellos”.
O programa que arrincará ás 12.30 horas co coloquio coas persoas gañadoras dos Premios Castelao de Banda Deseñada da Deputación da Coruña. Intervirán Alberto Vázquez e Martín Romero, autores de “A Caza” e “Uxío”, gañadores na edición de 2019 na categoría xeral e infantil, respectivamente. Tamén estarán Begoña Garcia Alén e Andrés Magán, que conseguiron con “Adeus amigos”, e “As aventuras de Passer P. Malta” os premios na edición do pasado ano nas dúas modalidades. O acto será moderado polo deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Xurxo Couto.
Couto destaca que se trata “dun programa de grande interese que porá en valor o traballo que se está a desenvolver no ámbito da ilustración e, de maneira especial, o altísimo nivel de autores e autoras que, como os gañadores do premio Castelao que convoca a Deputación da Coruña, están a ter unha grande relevancia no sector”. O Deputado de Cultura fai tamén fincapé no papel que a convocatoria anual do premio de banda deseñada supón á hora de dar a coñecer novos nomes de creadores e creadoras e publicar un conxunto de títulos de calidade para os que, en boa parte dos casos, o certame supón unha plataforma de difusión.
Ás 18:00 horas o programa continuará cun coloquio coas ilustradoras que aparecen no libro Women´s Club: Art is Powerful, da editorial Monsa, Verónica Grech e Coco Escribano.