Unha provincia en bicicleta

0

Bisbarra, 15 de decembro do 2020 – A Deputación da Coruña e o Goberno Central colaboran para favorecer a mobilidade sostible e o uso da bicicleta na provincia.

O Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico achegará 7,2 millóns de euros á Deputación  para a execución do “Plan Director de  Mobilidade Ciclista”. A iniciativa consta de tres actuacións, divididas en once proxectos, que mellorarán a comunicación alternativa en 19 concellos, cun marcado compoñente rural.

O delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, destacou a colaboración entre o Goberno de España e a Deputación da Coruña. Nun acto celebrado na Delegación, Javier Losada e o presidente da Deputación, Valentín González, debullaron os detalles das tres actuacións subvencionadas, que supoñerán un investimento total de máis de 9 millóns de euros, unha vez sumada a achega do ente provincial.

Vía Verde, sendas e faros

O primeiro dos proxectos é a Vía Verde que supón  un total de 2,3 millóns de investimento. Transformará nunha senda peonil e ciclista o antigo trazado do tren entre Santiago de Compostela e Cerceda, conectando os  concellos de Oroso, Ordes, Cerceda e Tordoia.

O segundo é a senda ciclista  ZEC Abegondo a Cecebre  con 2,2 millóns de investimento. Trátase da ampliación do actual carril bici metropolitano (que acaba no encoro de Cecebre) ata os concellos de Bergondo, Abegondo, Carral e Betanzos a través de 29,8 quilómetros de nova senda ciclista.

Imaxen de Fabricio Macedo FGMsp en Pixabay

O terceiro proxecto é o acceso aos faros da provincia da Coruña con 4,5 millóns de euros. Na provincia hai 26 faros en funcionamento, cun alto valor patrimonial, ambiental e cultural. O obxectivo desta rede de camiños é conecta estes edificios a través de sendas peonís e ciclistas coas súas poboacións máis próximas. É ademais unha forma de fomentar o uso turístico sostible destes espazos. Divídese en varios proxectos:

Acceso a Faros Norte:  Concellos de Mañón (faro de Estaca de Bares); Cariño (faro de Ortegal); e Valdoviño (Faro de Punta Frouxeira).

Accesos a Faros Costa da Morte Sector 1:  concello de Malpica (Faro de Punta  Nariga).

Acceso a Faros Costa da Morte Sector 2:  concellos de Camariñas (Faro de Cabo  Vilán); Laxe (Faro de Laxe) e Fisterra (Faro de Fisterra).

Acceso a Faros Costa da Morte Sector 3:  concello de Muxía (Faro de Cabo Touriñán).

Acceso a Faros Sur:  Concellos de Corcubión (Faro de Cee); Carnota (Faro de Lariño) e Muros (Faro de Punta  Queixal).

Estes proxectos benefícianse das axudas a proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa en carbono e que xestiona o Instituto para a Diversificación e Aforro da Enerxía ( IDAE), do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico.

 “Falamos de proxectos que beneficiarán directamente aos municipios e aos seus veciños e veciñas ademais de favorecer un uso sostible dos recursos naturais, patrimoniais e turísticos destas áreas”, apuntou o delegado do Goberno.

Dentro desta convocatoria, e no que respecta a a provincia da Coruña “aprobamos a data de hoxe 128 proxectos en 53 municipios, un de cada dous da provincia, ademais de once da Deputación Provincial que chegará a máis concellos”, engadiu. “Estas actuacións mellorarán a calidade de vida do 66% da poboación da provincia da Coruña”.

Javier Losada detallou que os proxectos adxudicados na provincia da Coruña supoñen un investimento do Goberno de España de 66,4 millóns de euros que mobilizará investimentos por valor de 83,3 millóns de euros. “Na provincia da Coruña estamos a subvencionar proxectos moi variados e con custos que oscilan entre os 15 millóns de euros e os 50.000 euros”. O proxecto con maior importe é o aprobado do  Concello da Coruña, que recibirá 12,5 millóns de euros para mellorar a eficiencia enerxética da iluminación municipal, “aínda que tamén hai proxectos con contías moi relevantes como os que destinan 5,2 millóns a Cerceda; 3,2 millóns a Teo; 2,5 millóns a Ponteceso ou 2,4 millóns a Vimianzo, por citar algúns exemplos”, apuntou.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial