O Pino, 23 de febreiro do 2021 – O grupo socialista no concello de O Pino presentará unha moción pedindo a devolución de taxas ao pequeno comercio e a hostalería do concello.
O Psoe demanda que se emita un expediente no que de xeito directo se devolva a taxa de recollida de lixo. Esta resolución afectaría ao ano 2020 e correspondería á parte proporcional do servizo que non se prestou por mor das distintas restricións sanitarias. Este acto aplicaríase de forma automática, suprimindo as solicitudes individuais por parte de cada un dos negocios.
Desde o Psoe explican que “Nestes casos, o máis lóxico é aplicar un procedemento global, tipo decreto, para que funcione de maneira áxil e eficaz, evitando máis papeleo e trámites aos autónomos e empresarios”.
Os Socialistas tamén indican que, “este mesmo procedemento deberase levar a cabo no exercicio 2021 “debido á falta de iniciativa do goberno local; o Alcalde, e o seu equipo, non foron capaces de traer ao Pleno a modificación de ningunha ordenanza fiscal, co obxecto de aprobar os distintos tipos de bonificacións que permite a lei. Actúan sempre tarde, mal e arrastro, e, o único que saben vender é fume”.