Arzúa, 8 de outubro do 2018 – O presidente do Partido Popular na provincia da Coruña, Diego Calvo, deu a coñecer esta fin de semana aos candidatos populares ás alcaldías dos concellos de Boimorto, Frades, Melide, Ordes, O Pino, Tordoia, Touro, Trazo, Arzúa, Oroso, Santiso e Toques nas eleccións municipais do ano 2019.
Nun acto celebrado en Arzúa, e acompañado do vicesecretario xeral de Organización e Territorio e director de campaña para as municipais, Evaristo Ben, e da conselleira Ánxeles Vázquez, Calvo reivindicou a figura e a maneira de facer política dos alcaldes do Partido Popular “fronte aos das pancartas, os berros e os que sempre teñen o non na boca”. “Nesta comarca temos bos exemplos do que vos estou dicindo en Boimorto, Frades, Melide, Ordes, O Pino, Tordoia, Trazo e Touro, concellos nos que os seus rexedores aplican a mellor de todas as receitas a de ‘falar facendo’, traballar de xeito conxunto cos veciños para xerar máis oportunidades e solucionar os problemas, e deixando de lado a confrontación, os discursos baleiros e as campañas que prometen moito pero non conseguen nada”, dixo o popular.
María Jesús Novo Gómez en Boimorto, Roberto Rey Martínez en Frades, Dalia García Couso en Melide, José Luís Martínez Sanjurjo en Ordes, Manuel Taboada en O Pino, Antonio Pereiro en Tordoia, José Dafonte en Trazo, Ignacio Codesido en Touro, Rafael Rivadulla en Arzúa, Alexander Doval en Oroso, Matilde Pallares en Santiso e José Antonio Castro Fraga en Toques son os elixidos. Diego Calvo dixo mostrarse convencido de que con estes candidatos dentro de oito meses a comarca de Santiago volverá deixar claro que “é do PP e gústalle como xestiona o PP. En lugar das oito alcaldías que temos hoxe imos conseguir as doce” en referencia aos municipios de Oroso, Arzúa, Santiso e Toques onde os populares non gobernan na actualidade.