Val do Dubra, 12 de abril do 2019 – Diego Luis Díaz Méndez será o candidato socialista á alcaldía de Val do Dubra, cun proxecto “baseado nun plan de dinamización para que o concello deixe atrás a parálise dos últimos anos”.
Díaz Méndez é avogado de profesión e mantivo unha reunión co secretario xeral dos socialistas da provincia, Valentín González Formoso, para explicarlle o seu proxecto. O candidato considera “moi preocupante o feito de que o actual grupo de goberno non fora quen de aprobar uns orzamentos en toda a lexislatura, sobrevivindo coas contas prorrogadas do PP”.
Nas últimas semanas Méndez mantivo reunións con diferentes colectivos e asegura que “A participación veciñal será unha prioridade, temos que construír a idea de pobo, o orgullo de ser de Val do Dubra e de vivir aquí, pero para iso temos que darlle servizos aos veciños e garantir o seu benestar”. Según o candidato “os socialistas somos municipalistas e o demostramos onde gobernamos, traballamos para as persoas”. Méndez di garantir “un proxecto serio, temos unha candidatura na que está representado o tecido social de Val do Dubra, con profesionais cualificados con moito que aportar”.