FalaRedes chega a súa décima edición

0

Compostela, 2 de agosto do 2021 – O programa de dinamización da lingua galega FalaRedes chega a súa décima edición en este 2021 con máis de 180 pases e 30 actividades.

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presentou a nova edición do FalaRedes.  O programa achega  as súas actividades aos concellos e entidades adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, presenta a nova edición do programa de dinamización lingüística FalaRedes.

Valentín García destacou a importancia deste programa de dinamización lingüística para as entidades e os veciños dos municipios “Trátase dun amplo abano de actividades que encherá o verán e o outono de programación de lecer en galego e de calidade”.

Nesta liña, engadiu que a iniciativa permite á Xunta de Galicia avanzar no obxectivo de “ampliar a oferta en galego e promover o uso e valorización positiva da lingua ao tempo que apoiamos aos profesionais do sector para superar os efectos da crise sanitaria”, concluíu.

Do mesmo xeito, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade tamén lembrou que, ademais do FalaRedes, este verán a Xunta de Galicia está a  impulsar máis de 3.000 actividades por toda a xeografía galega cun investimento superior aos 9M€ ao abeiro do Plan de Reactivación da Cultura. Son actividades que se sumarán á programación especial do Xacobeo 21-22 e que favorecerán a posta en marcha de numerosos eventos que abranguen todas as artes escénicas e propostas culturais e dirixidas a todo tipo de públicos, tanto en zonas urbanas como no rural.

A canda o representante autonómico, participaron na presentación Atenea García, Pepo Suevos, Borxa Ínsua, Emilio Oro, José Expósito, Pepablo Patiño, artistas encargados das actividades do novo FalaRedes; Erica González, representante de Culturactiva Sociedade Cooperativa Galega; Mariola Cerdeiro, representante de Urdime Socidedade Cooperativa Galega e Elvira Casal, subdirectora xeral de Planificación e Dinamización Lingüística.

O público familiar, o gran beneficiario para este verán

En total, o FalaRedes repartirá, ata finais de agosto, máis de 30 sesións dunha ducia de actividades de diferente índole entre 26 concellos e entidades adscritas á RDL. Destas actividades, 11 están destinadas a un público infantil e familiar que abrangue dende os máis miúdos, bebés de 0 a 3 anos, como é o caso do espectáculo-obradoiro Derriba da lúa, da compañía Rilo & Penadique, baixo xestión de Culturactiva, ata os adolescentes, o público potencial ao que enfoca o seu monólogo humorístico, Falade galego rapazada… é unha pasada!, da man do coñecido actor e cómico Pepo Suevos.

Espectáculos musicais, coma o dos Festiculores Troupe; concursos como o Rilla Rilla, da compañía Xarope Tulú (Urdime); maxia para facer soñar a toda a familia, coma a que ofrece o Mago Teto co seu espectáculo O camiño do afiador (Culturactiva) e moito teatro e  monicreques da man de Inventi Teatro, Fantoches Baj, Teatro Ghazafelhos e Títeres Alakrán, tamén baixo xestión de Urdime, entre outros, completan a programación do FalaRedes para este verán 2021.

Propostas do Fondo Xacobeo 21-22

Ademais, e por segundo ano consecutivo, este programa recolle as súas actividades de entre os proxectos seleccionados do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 21-22, a iniciativa posta en marcha ao comezo da pandemia a través do Plan de Reactivación Cultural da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, para inxectar liquidez entre as empresas e autónomos do sector.

Para as persoas interesadas en coñecer a fondo a programación, os lugares e as datas de todas as actividades do FalaRedes 2021 están dispoñibles tanto a través da Axenda de Cultura de Galicia coma do Portal da Lingua Galega, en www.lingua.gal/falaredes. 

O teatro para público adulto lidera o derradeiro trimestre do ano

A partir do 15 de setembro, o teatro para público máis adulto liderará a programación do derradeiro trimestre do FalaRedes 2021 con case 50 funcións de obras de sona como Bernarda, de teatro Malasombra, gañadora de catro premios María Casares o pasado ano ou Gloria Nacional e Romeo e Xulieta: o soño do amor, das galardoadas compañías Teatro do Noroeste e Elefante Elegante, respectivamente, entre moitas outras. A perspectiva de xénero tamén será protagonista indiscutible do FalaRedes 2021 en obras como A compañeira de piso, de Contraproducións, premio do Certame dos Teatros Luchana de Madrid; Elisa e Marcela, da compañía A Panadaría ou Invisibles, de Redrum Teatro.

A cativada e o público infantil e familiar tamén seguirá desfrutando dos espectáculos feitos á súa medida unha vez pasado o verán coa maxia de Micromaxias en Mil maxias máis, o circo de PistaCatro en O camiño con Mezzo, o teatro con O ogrocho, de Ningures Produción ou a música, co Consertasso nas hortas de Brais das Hortas ou Rockciclando con Ramona Órbita, de Pakolas e Laura Romero.

FalaRedes

FalaRedes é un programa de dinamización da lingua galega da Secretaría Xeral de Política Lingüística que se desenvolve en entidades locais pertencentes á RDL. Os seus obxectivos son ampliar a oferta de ocio no noso idioma, reforzar a oferta de actividades en galego dos concellos da Rede, promover o uso e valoración positiva da lingua propia de Galicia e apoiar os e as artistas que desenvolven o seu traballo na lingua propia de Galicia.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial