Festival Internacional de Cine Infantil, Cine Miúdo, en Ames

0

Ames, 7 de decembro do 2021 – Desde o vindeiro día 10 Ames acollerá unha nova edición do Festival Internacional de Cine Infantil Cine Miúdo.

A IV edición de Cine Miúdo achegará a Ames curtas de todo o mundo. Celebrarase nas casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro e as entradas xa se poden adquirir na Billeteira municipal. O Festivl conta ademais cunha serie de actividades paralelas como o taller de stop motion, de maquillaxe de efectos especiais ou a festa dos videoclips.

Cinema Miúdo está organizado polo Concello de Ames, coa colaboración da Deputación da Coruña. Na presentación participaron Natividade González, concelleira de Cultura; María Vázquez, técnica de animación sociocultural do departamento de cultura de Ames; Mónica Vázquez, responsable de comunicación do Festival Cinema Miúdo, e parte do equipo organizativo de Patio de Luces Producciones, e Blas García, alcalde do Concello de Ames.

Natividade González destacou que “este festival pon a Ames no mapa, e nos posiciona no panorama audiovisual como un referente a nivel galego, estatal e internacional. Durante tres días os centros culturais de Ames proxectarán máis de 50 filmes que proveñen de todo o mundo e de diferente temática, para que nenas e nenos gocen do sétimo arte”.

Pola súa banda, María Vázquez, adiantou parte do amplo programa  “Baixo o lema ‘A maxia do cine’, ademais das proxeccións, programáronse actividades paralelas como talleres de stop motion, maquillaxe de efectos especiais e festa dos videoclips. Debido ás restricións, este ano, como novidade, os escolares poderán votar de xeito online”.

Mónica Vázquez reafirmou o convite a que toda a rapazada de Ames e toda Galicia se achegue a desfrutar da cultura segura e asistan ao cine, “nunha era na que temos miles de propostas a través das plataformas, a maxia de asistir a unha sala de cine, é única e as cativas non deben de perderse esta experiencia”.

Rematou o acto o alcalde , Blas García, resaltando “que a cultura non só é un dereito, é tamén unha obrigación para as administracións que temos que apostar e poñer a disposición das veciñas e veciños actividades nas que poidan participar. Trátase dun festival pioneiro en Galicia, no que contamos coa total participación dos centros educativos, totalmente en galego para fomentar a nosa lingua, e co que, ademais, achegamos ás pequenas e pequenos da casa, a sensación de estar ante unha gran pantalla”.

Programación do IV Festival Internacional de Cine Infantil

Ao igual que en pasadas edicións, a oferta está composta por unha selección de curtas nacionais e internacionais divididas en dous bloques por idades: Axóuxeres, para nenos e nenas a partir de dous anos, e Buxainas, para aqueles que xa teñan os sete anos. A xornalista, Loly Gómez, será a presentadora do Festival. Nas sesións de inauguración e clausura haberá unha actuación de maxia a cargo do ilusionista, Carlos Tomico, da compañía Maxia na manga.

Ademais desta selección oficial a concurso, a programación complétase con actividades pensadas para estimular o gusto polo cinema nos nenos e nenas ao tempo que se quere incentivar a creación de cine para a infancia. Nesta liña, contarase con sesións específicas para escolares que nesta ocasión se farán de xeito telemática, obradoiros de stop motion e de maquillaxe de efectos especiais, sesións musicais cunha festa dos videoclips galegos e proxeccións complementarias (Festi convidado Olloboi e pase de curtas OQO).

Talleres de stop motion e maquillaxe

O sábado 11 na Casa da Cultura de Bertamiráns haberá un taller de maquillaxe de efectos especiais, para nenos e nenas de entre 7 e 12 anos. Tamén o sábado 11 de decembro na Casa da Cultura de Bertamiráns impartirase un taller de stop motion para nenas e nenos de 5 a 7 anos. O domingo 12 realizarase o obradoiro de stop motion na Casa da Cultura do Milladoiro. Ditos talleres impartiranse en horario de 11.00 a 12.30 horas. Ofrécense 15 prazas para cada taller. Para participar hai que inscribirse enviando un correo electrónico con nome, apelidos e un número de telefono de contacto, ao enderezo  cultura@concellodeames.gal.

Por outra banda, o sábado 11 de decembro haberá unha exposición de pezas do artista de efectos especiais de maquillaxe, Alberto, Hortas, de 4 Ojos estudio, na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Venta de entradas

As entradas xa se poden adquirir na Billeteira electrónica do Concello de Ames. No caso de que quedan entradas dispoñibles tamén se poderán mercar nas Casas da Cultura de Bertamiráns e do Milladoiro o mesmo día do espectáculo a partir dunha hora antes do comezo.

Todas as sesións serán gratuítas, menos a proxección da longametraxe “A Galiña Turuleca”, que terá un custo de 4 euros (farase prezo reducido do 50% do custo ordinario da entrada a estudantes con carné de estudante, a persoas maiores de 60 anos, a persoas menores de 12 anos, a familias numerosas, a mozos/as con carné xove e a persoas demandantes de emprego).,

Para máis información pódese acceder a www.cinemamiudo.gal.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial