O VII Festival Internacional Peregrinos Musicais clausúrase este luns en Santiago

0

Compostela, 16 de xullo do 2017 – O VII Festival Internacional Peregrinos Musicais, cuxa finalidade é apoiar a novos talentos galegos e doutros países, clausúrase este luns, 17 de xullo, como é habitual, cun concerto coa Real Filharmonía de Galicia (RFG).

A orquestra, dirixida nesta ocasión polo seu director asociado, o mestre compostelán Maximino Zumalave, acompañará a músicos noveis de Galicia e tamén procedentes de Canadá e Rusia. A gala de clausura do festival Peregrinos Musicais terá lugar ás 20:30 horas no Auditorio de Galicia.

Do total dos 34 mozos que foron seleccionados para participar nesta edición do festival, todos eles de entre 11 e 21 anos de idade, escolléronse a cinco para intervir como solistas neste concerto coa RFG. Trátase dos galegos Carla Gómez, clarinetista da Coruña de 11 anos; e Petre Abraham Smeu, violinista compostelán residente en Sigüeiro (Oroso), de 15 anos. Ademais, procedentes de Rusia participarán o clarinetista Daniil Serdyukov e a xove pianista Sophia Voronina, de tan só 11 anos. De Canadá contarase con Johann Derecho, de orixe filipina, ao piano.

Dous novos talentos galegos

A xove clarinetista coruñesa Carla Gómez será a encargada de abrir o concerto. Comezou a estudar música aos cincos anos. Con tan só 11 anos realiza unha xira por Galicia como solista coa Orquestra de Clarinetes Mestre Mateo. A pesar da súa corta idade, xa recibiu numerosos premios en certames nacionais e internacionais en Italia, Nova York, Berlín, Londres, Portugal e Praga.

Pola súa parte, o violinista Petre Abraham Smeu empezou a estudar violín aos catro anos. Estase a formar na Escola de Altos Estudos Musicais de Santiago e tamén en Alemaña. Obtivo varios galardóns en concursos nacionais e, no eido internacional, conseguiu o primeiro premio no Grand Prize International Competition de París, o primeiro posto no Concurso Internacional de Música en Fundão (Portugal) e o segundo premio do eMuse International Competition en Atenas. Aos 12 anos debutou como solista coa Orquestra Vigo 430 e posteriormente tocou na Opéra Bastille de París.

 

A primeira experiencia tocando cunha orquestra profesional

A directora artística do Festival Peregrinos musicais é a pianista rusa afincada en Santiago Ilona Timchenko. Salienta que “a través deste festival conséguese dar respaldo e proxección internacional a xoves promesas que moi pronto serán profesionais da música. É un xeito de poñer ao seu alcance grandes escenarios. Gozan dunha ocasión única para tocar como solistas cunha orquestra de tanto prestixio como é a Real Filharmonía de Galicia”. Así, para a maioría dos rapaces será a primeira vez que toquen cunha orquestra profesional, o que “representa un paso moi importante na carreira de calquera músico”.

Obras para clarinete, violín e piano

No transcurso da actuación o público asistente terá a oportunidade de escoitar parte do Concerto para clarinete do compositor italiano Saverio Mercadante, parte do Concerto para violín de Felix Mendelssohn, Canzone para clarinete e orquestra de corda de Serguéi Tanéyev, parte do Concerto para piano de Haydn e varios fragmentos do Concerto para piano nº 4 de Beethoven.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies