Física e arte combínanse en “O soño musical dos mapas celestes”

0

Compostela, 3 de setembro do 2021 – A USC, co apoio do concello de Santiago e a Dirección Xeral de Política Lingüística, impulsa “O soño musical dos mapas celestes”

Arte e ciencia combínanse nun proxecto no que nace do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE). Un espectáculo que se estenderá entre o 7 e o 10 de setembro no Colexio de Fonseca. ‘O soño musical dos mapas celestes’ foi presentado este xoves no Pazo de San Roque en Santiago.

A actividade é unha experiencia inmersiva elaborada ao redor dunha instalación audiovisual da artista Irene Dubrovsky. A artista inspirouse nos mapas do cosmos e as distintas maneiras de cartografalo.

‘O soño musical dos mapas celestes’conta tamén con textos do profesor da Facultade de Física da USC José Edelstein, coa voz da cantante Uxía e coa interpretación da actriz Celtia Figueiras.

“A disposición das estrelas no lenzo da noite ofrécese como unha linguaxe musical. Os puntos deveñen sucos ao habitar o tempo e o ceo convértese nunha partitura circular”, explican os responsables do espectáculo. Estes retrincos musicais dos mapas celestes flotan na escena, habitando o espazo, “mentres soan como cristais de tempo nos instrumentos mecánicos” interpretados por Germán Díaz.

A vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo Moledo, quixo subliñar a importancia de dar pulo, dende a Universidade, a proxectos que combinen arte e ciencia, tal e como sucede nesta iniciativa do IGFAE, xa que “esta é unha vía idónea para achegar o universo da investigación e as súas achegas a toda a cidadanía”.

Mar Lorenzo quixo poñer tamén o foco na necesidade de outorgar visibilidade á muller no seo da indagación científica. En ‘O soño musical dos mapas celestes’ unha muller “é a encargada de transitar o Camiño de Santiago ao longo dos séculos mentres reflexiona sobre a maneira na que habitamos o espazo e o tempo”, explicou a vicerreitora responsable de Igualdade.

Na rolda de prensa tamén tomou parte Valentín García Gómez, o secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Mercedes Rosón Ferreiro, concelleira responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade do Concello de Santiago, xunto ao director do IGFAE Carlos A. Salgado e o equipo artístico do espectáculo. 

A estrea terá lugar o martes 7, ás 19.30 horas con invitación previa, mentres que as representacións abertas ao público desenvolveranse os días 8, 9 e 10 de setembro ás 19:00 e 20:30 horas (dúas funcións ao día) no Salón Artesoado do Colexio de Fonseca. A entrada é de balde con rexistro previo en este enlace ata o xoves 9 de setembro ás 12:00.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial