Frades, 11 de xaneiro do 2021 – O Pleno municipal de Frades aprobou na sesión ordinaria do pasado venres a Conta Xeral de 2019, informada favorablemente en Comisión o pasado 24 de novembro.
No trámite de exposición pública a Conta xeral 2019 non reibiu alegacións. O punto foi aprobado cos votos a favor do Partido Popular e as abstencións de PSOE e BNG, polo que o documento será remitida para a súa fiscalización ao Tribunal de Contas.
Delegacións de sancións pola Covid
O Pleno ratificou a adhesión do Concello de Frades ao convenio entre a Xunta e a Fegamp para a tramitación dos procedementos sancionadores relacionados co incumprimento das medidas de prevención para a loita contra a Covid-19. O concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, explicou que “cada vez que as forzas de seguridade tramitan unha demanda deste tipo, a envían ao Concello correspondente para que inicie o procedemento sancionador. E os Concellos pequenos non temos capacidade nin recursos para tramitar estes procedementos”.
O Concello de Frades xa se adherira a este convenio o pasado 10 de decembro, polo que o Pleno ratificou onte ese acordo cos votos a favor do PP e as abstencións de PSOE e BNG. Así, o Concello de Frades comprométese a iniciar e resolver o procedemento sancionador, debendo remitir á Xunta de Galicia toda a información precisa para que esta poida executar a encarga de xestión. Deste xeito, o Concello asumirá a decisión que tome a Xunta sobre se procede ou non a sanción proposta polas forzas de seguridade.
PEL-Reactiva
Ao non terse presentado ningunha moción, o concelleiro de Economía explicou que 22 microempresas e persoas autónomas de Frades solicitaron a súa adhesión ás axudas ao PEL-Reactiva, das que 19 foron concedidas. “Estamos aínda en fase de alegacións pero semella que dos 36.196,68 euros que había dispoñibles se van finalmente a investir uns 33.000 euros. Uns cartos que temos que adiantar os Concellos e despois a Deputación achegará o 80%”, explicou Ferreiro Marzoa.
Finalmente, o concelleiro deu conta tamén do inicio do obradoiro dual de emprego Brañas do Illó-Río Samo III, promovido polos Concellos de Ordes, Frades e Mesía e que formará durante 9 meses a 20 persoas (10 de Ordes, 5 de Frades e 5 de Mesía) nas especialidades de actividades auxiliares en conservación e mellora de montes e repoboacións forestais e tratamentos silvícolas. Un obradoiro que conta cunha subvención de 346.946 euros da Consellería de Emprego e Igualdade e 15.000 euros para incentivos de contratación en empresas da contorna. “Despois da selección realizada en decembro, o alumnado está nestes momentos coas primeiras clases teóricas e de informática”, apuntou Ferreiro Marzoa.