Frades aproba os orzamentos anuais

0

Frades, 25 de febreiro do 2021 – Frades aprobou en pleno os Orzamentos para este ano que ascenden a un total de  2.467.645,46 euros.

As contas saíron adiante co voto favorable do Partido Popular e a abstención de Psoe e BNG. O alcalde, Roberto Rey, asegurou que o documento ” “garante a eficacia na xestión, o equilibro de contas, o pago a provedores e incrementan a inversión en obras e en servizos sociais a través das achegas á Mancomunidade de Ordes”.

Equilibrados

Os orzamentos de Frades crecen un quince por cento con respecto ao ano pasado. Dúas das partidas que máis medran son as destinadas a gasto social (+54,56%) e investimentos reais (+37,41%). Rey sinalou que “este ano aumentaremos as axudas ás asociacións sen ánimo de lucro no municipio, as achegas á Mancomunidade de Ordes para a prestación dos servizos sociais así como as achegas para participar nun novo obradoiro de emprego e para financiar a achega municipal a un segundo plan PEL-Reactiva de axuda a microempresas e persoas autónomas. Unha achegas que se poden aumentar dependendo da evolución da pandemia”.

Tamén se destinarán 300.289,9 euros á Mancomunidade de Ordes para o financiamento do servizo de axuda a domicilio, nas modalidades de libre concorrencia como de dependencia, atención temperá, igualdade, CIM ou traballo social. A esta cantidade hai que sumar 2.502,68 euros do POS+ Adicional destinado a financiar gastos sociais extraordinarios como medidas de atención a persoas especialmente vulnerables, eliminación de barreiras arquitectónicas no interior dos fogares e adaptación funcional das vivendas de persoas vulnerables.

Gasto corrente

O gasto corrente medra un 2,76% ata os 995.011,66 euros. Ademais dos tradicionais investimentos en mantemento do alumeado público, saneamento e abastecemento de auga, recollida de lixo e limpeza viaria, inclúe tamén o financiamento dos Servizos Sociais de Frades, entre os que se inclúen fisioterapia, podoloxía e perruquería gratuíta a domicilio para as persoas maiores e dependentes.

Centro sociocultural

As contas de 2021 inclúen tamén 851.824,87 euros para investimentos reais, unha partida que medra un 37,41% con respecto a 2020 e que representa o 34,51% do orzamento. Ademais de cubrir as subvencións que se reciben anualmente (turismo, fondo de compensación ambiental, Plan Hurbe, Plan de Camiños Rurais ou do IDAE para o cambio de alumeado público a tecnoloxía LED), este ano destaca unha partida de 350.000 euros para a construción do centro socio comunitario de Ponte Carreira.

O local é froito dun convenio asinado entre o Concello de Frades e a Consellería de Política Social, que achegará 200.000 euros. O proxecto dará servizo a todos os veciños e veciñas do municipio, pero prestará especial atención ás persoas maiores de sesenta anos. Neste local, a veciñanza poderá ter acceso a todos os servizos do (podoloxía, fisioterapia) e facer todo tipo de actividades (ximnasia de mantemento…). A diferenza dun centro de día, que só está aberto a dependentes de grao 2 ou 3, o centro de Frades estará aberto a todas as persoas maiores do municipio.

O POS+2021, que se eleva a 96.714,85 , destinarase a dous proxectos: mellora do viario nos accesos a Tarrío (Papucín) e outros (que inclúe o arranxo de 8 pistas do municipio: mellora do viario nos accesos a Tarrío, mellora do viario nos accesos a Devesa, Vilar e á igrexa de Galegos; mellora dos viarios de acceso ás pistas da Panica ao Carballal e da Camposa ao Covelo, así como a sendas pistas en Asemonde e O Ar); e a mellora do viario da pista AC-524 a Ponte Carballa (Abellá). Tamén se contempla un Plan Complementario orzamentado en 203.216,52 euros para a mellora do camiño da AC-524 (Abellá) e Vilar de Arriba (Frades), que inclúe tamén o arranxo do camiño de San Mauro a Cachada (Frades).

Finalmente, o capítulo de gastos de persoal ascende un 2,58% ata os 419.517,25 euros. “As retribucións do persoal medrarán un 0,9%, mentres que non haberá ningún incremento nos soldos políticos, que se manteñen nos aprobados en 2019”, apuntou Roberto Rey

Non incremento de taxas

No que atinxe aos ingresos, o alcalde de Frades explicou que “as ordenanzas e taxas quedan un ano máis conxeladas, nin sequera se incrementarán o IPC e manteremos as bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI naqueles inmobles onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario”. Así, as previsións de ingresos por taxas municipais é de 219.434 euros, un 17,41% menos que en 2020. “Manteremos tamén a redución da taxa do lixo, trasladando a redución que nos fai a Xunta pola boa separación do lixo e que nós trasladaremos aos veciños e veciñas de Frades”, apuntou Roberto Rey.

Por outra banda, os ingresos por impostos indirectos como o ICIO mantéñense en 54.000 euros (mesma cifra ca en 2020) e os impostos directos (IBI, IAE, Vehículos) aumentan un 1,07%, de 381.000 a 386.018 euros.

Debate plenario

No debate plenario, o voceiro do PSOE, Enrique Astray, xustificou a súa abstención en que “falta o empuxe de reactivación económica que se merecen os orzamentos este ano”, ao que o alcalde de Frades lle lembrou que “nós nunca nos negamos a que presentedes calquera proposta, pero ata o de agora non se presentou nada nin para o POS nin para os Orzamentos”.

Pola súa banda, o voceiro do BNG, Manuel Míguez, recoñeceu que “hai cousas que están ben pero boto en falta ideas creativas e innovadoras” e indicou que “o centro sociocomunitario de Ponte Carreira, que leva tantos anos parado, é aprazable para facer outras cousas”. Unha afirmación desmentida polo alcalde, quen lembrou que “o convenio xa está subscrito e non se pode aprazar. Teríamos que renunciar á subvención e aceptar a posibilidade de que cando queiramos retomar o proxecto xa non haxa ese tipo de axudas”.

Así mesmo, Roberto Rey lembroulles aos membros da oposición que os orzamentos non son un documento pechado: “hai partidas que ao mellor non se executan e ao longo do ano se farán modificacións de crédito que se poden destinar para axudas a autónomos e pequenas empresas, sempre cumprindo a legalidade e indo da man da Xunta e da Deputación da Coruña”.

Finalmente, o alcalde tivo palabras de especial agradecemento ao tesoureiro municipal e o seu equipo por seren quen de facer estes orzamentos sen a axuda dunha secretaria-interventora, posto que se agarda poder volver a cubrir a partir do vindeiro mes de marzo.

Obradoiro

Onde si houbo unanimidade foi á hora de apoiar á solicitude á Xunta de Galicia dunha subvención de 346.946 euros para o desenvolvemento do obradoiro de emprego dual “Brañas do Illó-Río Samo IV” para 2021, en colaboración cos concellos de Mesía e Ordes, entidade encargada da súa xestión. Un proxecto orzamentado en 400.667 euros e que formará a 20 persoas desempregadas (10 de Ordes, 5 de Frades e 5 de Mesía) nas especialidades: repoboacións forestais e tratamentos silvícolas; e actividades auxiliares en conservación e mellora de montes.

No caso de Frades, este obradoiro permitirá realizar traballos de roza manual, mantemento das áreas recreativas municipais, plantación de novas árbores autóctonas e aplicación de tratamentos fitosanitarios nalgunhas parcelas. Entre outras áreas, contémplanse actuacións nas áreas recreativas de Ponte Carballa (Abellá), Os Pasos (Aiazo), A Presa (Gafoi), San Nicolau (Mesos) e O Muiño (Céltigos), así como o punto limpo de Frades-Mesía, a finca da piscina municipal de Papucín e as prazas municipais de Moar, Papucín e Ponte Carreira, entre outras.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial