Bisbarra, 13 de xaneiro do 2021 – A Xunta de Galicia ven de informar dos 20 concellos que recibirán unha axuda para a creación dun plan de emerxencia ante a seca, entre os que están Frades e Mesía.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé que neste ano 40 municipios terán os seus documentos preparados para poder anticiparse a situacións de seca. Os concellos recibirán ata o 80% do custo da elaboración e cubrirá as actuacións realizadas desde o 1 de xaneiro de 2020. Frades percibirá 14.229,6 € e Mesía 14.229,6 €.
É a segunda convocatoria desta iniciativa de colaboración cos concellos nas súas competencias, para que se doten dunha ferramenta básica de planificación e anticipación para garantir o abastecemento de auga á poboación. Con estes incentivos búscase que cada sistema de abastecemento dispoña do seu propio plan de emerxencia fronte á seca e teña claro como actuar ante unha situación de alerta. As axudas son, ademais, compatibles co cofinanciamento que acheguen outras administracións públicas, como as deputacións provinciais.
Cómpre lembrar que a Lei de garantía de abastecemento de auga, aprobada pola Administración autonómica e que entrou en vigor o pasado mes de xaneiro, establece un prazo de 2 anos para que os concellos de menos de 20.000 habitantes elaboren plans de emerxencia fronte á seca.