Frades reclama melloras na seguridade viaria de estradas provinciais e autonómicas

0

Frades, 13 de xullo do 2021 – Frades aprobou por unanimidade esixirlle á Xunta de Galicia e á Deputación da Coruña melloras na seguridade viaria en dúas estradas das súas competencias.

A moción aprobada foi proposta polo alcalde, Roberto Rey. Refírese en concreto ás estradas AC-524 Ordes-Lanzá,  a DP-3801 Sigüeiro-Cimadevila e a DP-3802 Ordes-Ponte Carreira. O acordo está acompañado de informes técnicos presentados pola arquitecta municipal.

Rey explica que “No caso da AC-524 pedímoslle á Axencia Galega de Infraestruturas unha revisión das velocidades ao seu paso por Abellá, a mellora do firme en todo o tramo, a habilitación de dous pasos de peóns e o arranxo das fochancas no Pazo”.

O informe técnico sinala que na actualidade a veciñanza da parroquia de Abellá non dispón de ningún paso de peóns para cruzar a estrada, polo que se proporá a habilitación de dous pasos: un fronte á farmacia e o outro fronte ao consultorio médico.

O informe urxe a unha reparación no firme da estrada, moi deteriorado e con múltiples fendas. Especialmente necesaria é unha actuación no lugar de O Pazo, onde as grandes fochancas dificultan tanto o paso de peóns como de vehículos. Finalmente, sinálanse varios casos de lugares de especial concentración de persoas, como o punto 10.880 onde hai varios negocios; ou o mencionado cruce do centro médico onde as velocidades máximas non son acordes co número de persoas presente nesa zona.

No caso das dúas estradas provinciais, o alcalde de Frades apuntou que “a Deputación ten sen rozar as cunetas, algo que é especialmente perigoso pois en moitos quilómetros delas non existen beirarrúas nin sendas peonís”. Así mesmo, o informe técnico pediu a instalación de medidas de protección no PK 17.960 da DP-3801 e no PK 12,420 da DP-3802, ambas ao seu paso por Moar, e onde se teñen producido sinistros de tráfico recentemente.

A maiores, o Concello de Frades pediralle á Deputación o arranxo das varandas da ponte sobre o río Maruzo e a ampliación do valado de protección no PK 13.240 da DP-3802, para evitar que unha saída de vía remate no río.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial