Frades reclama o arranxo inmediato da ponte sobre o Tambre de Ponte Carreira

0

Frades, 18 maio 2021 – O pleno municipal de Frades acordou por unanimidade reclamar do Ministerio de Transportes o arranxo inmediato da ponte sobre o Tambre en Ponte Carreira.

Os problemas da N-634 en Ponte Carreira están fundamentados nun informe da arquitecta municipal de Frades. O documento explica que  “o tramo urbano de Ponte Carreira presenta numerosos problemas que dificultan o tránsito pola mesma, así como problemas de seguridade viaria tanto para os vehículos como para os peóns”.

Concello de Frades alerta de que “a ponte vella que cruza o río Tambre entre O Pino e Frades atópase en mal estado de conservación, con moita maleza e con pezas desprendidas e caídas nas leiras lindeiras”. O alcalde, Roberto Rey, engade que que o paso inferior da estrada no lugar de Campoduro ten gran cantidade de barro que dificulta o tránsito e que a vía de servizo próxima ao límite con Mesía, que dá servizo a varias vivendas, non conta cun acceso asfaltado, provocándolles graves prexuízos a estas persoas.

A maiores, e a petición do voceiro municipal do BNG, Manuel Míguez Villaverde, o Pleno incluíu tamén a solicitude do “arranxo do cambio que fixeron na estrada de acceso dos camións á Cooperativa Láctea. Fixeron unha rotonda moi pequena e que non está delimitada, o que causa moitos problemas aos camións que a utilizan”. Unha petición que será engadida ao informe técnico que se remitirá ao Ministerio.

Incumprimento dun acordo de 2018

Previamente, Roberto Rey dera conta ao Pleno da resposta do Ministerio á solicitude de cesión  por parte do Concello de Frades do tramo urbano da estrada, realizada en setembro de 2020 e condicionada ao previo arranxo do tramo e á construción dunha senda peonil. Unha proposta que conta co visto e prace da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia, onde os enxeñeiros Ángel González del Río, xefe da Demarcación, e Eduardo Toba Blanco, xefe da Área de Conservación e Explotación de Estadas da Coruña, “informaron favorablemente por ser accións xa previstas polo Goberno do Estado”.

As  melloras están incluídas nun acordo de 2018 entre o Concello de Frades e o Goberno Central polo cal o Concello asumiría a titularidade desta estrada a cambio do seu arranxo e da construción dunha senda peonil en Ponte Carreira. Porén, o pasado mes de abril de 2021, o Ministerio de Transportes remitiuse a unha orde de 2013 para informar que está disposto a realizar a cesión pero sen previo arranxo da estrada nin realización da senda peonil.

Diante desta situación, o Pleno de Frades acordou por unanimidade rexeitar a cesión do tramo da N-634 nas condicións propostas polo Ministerio, trasladarlle ao Ministerio “o malestar do Concello de Frades por que non se cumpran os acordos de 2018, que non só beneficiaban a ambas partes, senón sobre todo aos veciños e veciñas de Ponte Carreira”, explicou Roberto Rey. Así mesmo, o Pleno reiterou a súa petición de cesión do tramo, arranxado e coa senda peonil incluída, tal e como foi aprobada no seu día pola Demarcación de Estradas do Estado en Galicia.

No debate, o alcalde insistiu en que “non ten sentido xustificarse nunha orden do 2013 para incumprir un acordo de Goberno do 2018 simplemente por cuestións de cor política dunha corporación e cando todos podemos ver que se están facendo este tipo de obras noutros concellos da comarca”. Pola súa banda, o voceiro do PSOE, Enrique Astray Otero, asegurou que “transferir sen melloras faino calquera. Primeiro que a arranxen. Do contrario non aceptaremos a transferencia porque sería unha mala xogada para Frades”. O voceiro do BNG, Manuel Míguez, insistiu en que “o acordo é inaceptable nas condicións que deixan o tramo. Se non o transfiren, que o teñan en boas condicións”, instando ao Concello a “ser contundentes e pesados”.

Consultorio de Abellá

A unanimidade do Pleno tamén se mantivo na aprobación dun escrito presentado pola asociación de veciños Os Labregos de Abellá que manifestaban “o malestar pola decisión da Xunta de Galicia de pechar o consultorio de Abellá dende o inicio da pandemia” cando “é un servizo esencial para atender a unha poboación de xente maior con dificultades para desprazarse”. O alcalde de Frades amosou o seu total apoio ao escrito da asociación veciñal e explicou que “o Concello continúa facendo tarefas de limpeza e mantemento do consultorio, polo que está listo para reabrirse. Pensamos que é o momento de volver a abrilo e que volva a prestar o mesmo servizo que facía antes da pandemia, con 3 días de consulta por semana”.

O Pleno de Frades solicitoulle á Xerencia de Atención Primaria a reapertura do consultorio, así como a restauración da atención presencial, limitando a telefónica para casos nos que non se poida manter a atención en persoa. Tanto PSOE como BNG sumáronse á proposta, lamentando o malestar causado aos veciños. Tal e como explicou o alcalde de Frades, ata o momento a Xerencia de Atención primaria negouse á reapertura do consultorio baseándose na imposibilidade de establecer un circuíto anticovid nel e a que o facultativo que está á súa fronte é persoal de alto risco, polo que non pode atender o consultorio en solitario.

Aprobación de obras

Por outra banda, o Pleno municipal deu o seu visto bo a dous proxectos de obras que, polo seu elevado importe económico, deben ser aprobados en sesión plenaria. O primeiro foi a aprobación da convocatoria, por procedemento aberto simplificado, da licitación do Centro Sociocomunitario de Ponte Carreira, por un importe de 350.000 euros. A proposta foi aprobada cos 7 votos a favor do PP e os 4 votos en contra de PSOE e BNG, que xustificaron a súa negativa en que preferían un centro de día a un centro sociocomunitario.

Tamén se aprobou adxudicar a Tecnored SA o contrato de actuacións de aforro enerxético no alumeado público de Frades, un contrato cofinanciado polo IDAE e que ascende a 388.642 euros. Tecnored SA foi a adxudicataria ao ser a empresa que presentou a mellor oferta, tanto desde o punto de vista técnico coma económico. Neste punto, o alcalde alertou dos “problemas que estamos a ter os concellos co IDAE e que poden supoñer a obriga de pedir un crédito xa que os máis de 200.000 euros que investimos no 2020 aínda están se abonar porque o IDAE non abre a pestaña para xustificar a obra. Levamos máis dun ano de atraso e xa temos protestado tanto nós coma outros concellos desta situación”. A proposta saíu adiante cos 7 votos do PP e as 4 abstencións do PSOE e BNG.

Mocións

Finalmente, na quenda de mocións, o Pleno aprobou por unanimidade as dúas propostas do BNG: a primeira en contra dos abusos bancarios e a segunda a prol da transferencia da AP-9 a Galicia. Pola súa banda, o PSOE tamén viu aprobadas por unanimidade as súas mocións contra a soidade non desexada e a volta da atención primaria ao consultorio de Abellá. Porén, dúas mocións socialistas foron rexeitadas polo grupo de Goberno: a primeira sobre a elaboración dun plan de recuperación da sanidade e a segunda sobre a creación dun grupo de traballo de cara á elaboración de proxectos que poidan ser incluídos no plan de recuperación da Unión Europea. O voceiro do PP, Manuel Ferreiro, xustificou o voto en contra en que “aínda que esteamos de acordo coa moción, non ten sentido facer un grupo de traballo mentres non saian as convocatorias”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial