Francisco Antonio Vidal Blanco faise co III Premio Laudamuco para textos Teatrais

0

Brión, 13 de abril do 2021 –  “A vinganza de Fortimbras” de Francisco Antonio Vidal Blanco gaña o III Premio Laudamuco para textos Teatrais.

O Laudamuco de textos teatrais é un premio que homenaxea a figura de Roberto Vidal Bolaño. esta outorgado  polo Concello de Brión, a Academia Galega de Teatro e Edicións Positivas. Francisco Antonio Vidal Blanco, nado na Bouciña (Palmeira), recibirá un premio de 7.000 euros e a edición da peza por parte de Edicións Positivas.

A concelleira de Cultura, Sandy Cebral Gómez, destaca que “a pesar da situación excepcional por mor da pandemia da Covid-19, dende o Concello de Brión mantemos o noso compromiso coa cultura e vimos de fallar a terceira edición do Premio Laudamuco”. O acto de entrega está previsto para o domingo 16 de maio en Brión, momento no que Francisco Antonio Vidal Blanco sucederá no palmarés do Premio Laudamuco a Raúl Dans e Xavier Lama López, gañadores das edicións anteriores.

Premio por unanimidade

O xurado estivo formado por Pilar López Pérez, Xoana Balado Fernández, Gonzalo Rodríguez Calvo, Xulio Lago Alonso e Manuel Guede Oliva, persoas vencelladas á Academia Galega de Teatro. Os membros escolleron por unanimidade o texto titulado “A vinganza de Fortimbrás” entre os 47 presentados ao certame.  O xurado destacou “o evidente interese que este premio concita, maila os seus poucos anos de vida, a teor do elevado número de textos presentados. É de supoñer que Roberto Vidal Bolaño estaría compracido”.

Segundo a acta do xurado, “A vinganza de Fortimbras” é “unha precuela que vén a dialogar co mito hamletiano e no que o autor rearma a historia shakesperiana, como antes fixera Álvaro Cunqueiro, propoñendo unha relectura na que os personaxes secundarios do drama orixinal pasan aquí a se converter en protagónicos, nun xiro de guión sorprendente e enriquecedor e no que é  fácil percibir o amplo coñecemento por parte do autor ou autora da estrutura interna da obra de Shakespeare e no que Elsinor comparece como un espazo para abrigar novas hipóteses e traelas, de novo, a nós”.

O xurado destaca “o uso da lingua, eficaz e diáfana, a axilidade dos diálogos, sempre en progresión, e unha sabia construción da andamiaxe teatral na que se adiviña o pulso de alguén que coñece os interiores da escrita dramática. Vinganza, sexo e poder son tres das forzas principais que están presentes na acción e que mobilizan unha inquietante galería de personaxes, presentes uns,  ausentes moitos outros, mais  posuidores todos eles  dun alto interese dramático; definitivamente, interesantes modelos nos que habitan as luces e as sombras dos comportamentos humanos”.

Apertura da plica

A situación de pandemia sanitaria alterou o normal desenvolvemento do protocolo de apertura da plica correspondente ao nome do autor ou autora do texto premiado. Un acto que debería terse celebrado o propio 8 de abril, data da reunión telemática do xurado, e que finalmente tivo lugar hoxe luns 12 de abril, ás 10:00 horas, na Casa da Cultura de Brión. Un acto no que participaron a concelleira de Cultura de Brión, Sandy Cebral Gómez; Manuel Guede Oliva, en representación do xurado; e Alberto Álvarez Escudero, xestor Cultural do Concello de Brión.

Francisco Antonio Vidal Blanco (Palmeira, Ribeira, 1957) é escritor e etnógrafo. Desde 1977 colabora con distintos medios xornalísticos con artigos de temática variada, desde a etnografía ata a ciencia: A Nosa Terra (1980-2003), O Correo Galego (1999 a 2000), El Periódico de Arteixo (2003) e La Voz de Galicia (desde 2005). Ten publicado nove novelas na editorial Toxosoutos, catro ensaios (tres deles sobre a figura de Manuel Murguía) e unha peza teatral infantil-xuvenil “A serea (2006, Fervenza). 

O Laudamuco será o seu primeiro premio literario en materia teatral, se ben ten recibido outros galardóns pola súa obra de narrativa, entre os que figuran o Premio de Narrativa do Concello de Vilalba de 1992 e 1997, o Premio Terra de Melide de 2005, o premio de Narración de Aventura Avilés de Taramancos de Noia en 2003 ou o Premio Sereo 2017 da Asociación Cultural Barbantia, á súa traxectoria cultural, entre outros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial