O proxecto GenDR da USC gaña o Premio Emprendedores

0

O proxecto da USC GenDR emprega unha tecnoloxía de análise xenética que permite anticipar a reacción do organismo a un tratamento farmacolóxico

usc-premio-emprendedores-normal-19-novembro-2016_rSantiago de Compostela, , 19 de novembro do 2016 – Os emprendedores da USC Adrián Caamaño, Juan Vázquez, Ana Latorre e Olalla Maroñas acaban de recibir un novo recoñecemento pola súa idea empresarial Gen-DR dedicada a ofertar servizos de farmacoxenética, ou sexa, predición da resposta a fármacos e tratamentos mediante unha análise xenética do paciente que permite mellorar a asistencia sanitaria e reducir os gastos derivados.

Logo de ser a gañadora da última convocatoria do programa Argos e do Model2Market Universia da recente Spin2016, nesta ocasión recolleron en Madrid o premio á mellor idea empresarial que outorga a revista Emprendedores e que está dotado con 15.000 euros. Todos estes recoñecementos son “un impulso fundamental, porque é a validación por parte de axentes externos á universidade de que o noso proxecto é factible”, di Ana Latorre, que explica cómo dende o seu comezo hai un ano ata agora “avanzamos moito nesa idea de converter o proxecto en empresa, cun plan de negocio xa moi perfilado”.

GenDR

GenDR emprega unha tecnoloxía de análise xenética que permite anticipar a reacción do organismo a un tratamento farmacolóxico, información que se pode utilizar á hora de tomar unha decisión sobre o medicamento máis idóneo.

O proxecto naceu co programa Argos da USC, que forma equipos universitarios multidisciplinares capaces de montar a súa propia idea de negocio. Neste caso, o equipo promotor incorpora as profesionais de farmacoxenética Ana Latorre e Olalla Maroñas, doutorandas en Biomedicina, e Juan Vázquez, licenciado en Medicina, e do ámbito da xestión, dirección e desenvolvemento de negocio como o economista Adrián Caamaño.

A actividade de GenDR diríxese a hospitais privados e servizos públicos de saúde que desexen mellorar a asistencia dos pacientes aplicando medicina personalizada, pero tamén a profesionais da área de biomedicina de grandes empresas farmacéuticas implicadas en ensaios clínicos xa que se precisa deses servizos para testar a efectividade real dos novos compostos. A tecnoloxía de GenDR permitiu xa deseñar test específicos máis eficaces (usando un menor número de marcadores xenéticos), o que abarata o custe e reduce os tempos de espera das análises.

Neste ano de vida de GenDR, os catro traballaron a viabilidade do proxecto e o modelo de negocio, fase na que continúan e que, unha vez estudado o alcance e tamaño do mercado, agardan culminar na constitución dunha spin-off da USC. Mentres tanto, ofrecen eses servizos de farmacoxenética desde a universidade compostelá e o grupo de investigación de Medicina Xenómica ao que pertencen.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial