Touro, 15 de xuño do 2019 – A Fiscalía investiga ao equipo de goberno de Touro por presuntos delitos de corrupción e contra o medio ambiente.
A corrupción tería que ver coa xestión dos residuos de construción de obras municipais. Os indicios apuntan a que, presuntamente, residuos procedentes de obras municipais acabaron enterrados en cunetas de pistas municipais cando tiñan que ser levados e tratados en vertedoiro autorizado. Este feitos foron recoñecidos polo alcalde Ignacio Codesido (PP) ante a prensa meses atrás, apuntando que foi el quen dou o visto bo a dita actuación. No foco dos feitos está tamén o concelleiro de obras Jesús Martínez Pereira (PP).
Segundo o proxecto das obras e os pregos de licitación, os residuos de obra terían que ser xestionados en vertedoiro autorizado, correspondendo ás empresas contratadas o custe dese tratamento, o cal foi incluído no presuposto. Finalmente os residuos foron baleirados en cunetas de pistas, polo que os contratistas aforrarían deste xeito os custes de xestión a costa de danar o medio ambiente e incumprir a normativa na xestión de residuos; sen beneficio nin aforro algún para o Concello.
Colectivos veciñais consideran “sospeitosa a conformidade e amparo do rexedor Ignacio Codesido (PP) e do concelleiro de obras Jesús Martínez Pereira (PP) a estas actuacións, contra os que recae a denuncia por posible comisión de delito de fraude contra a Administración Pública ao terse constatado o incumprimento dos pregos de contratación da licitación”.
A fiscalía vén agora de solicitar ao concello de Touro a documentación relativa a estas obras.