Touro, 30 de xuño do 2018 – Equilibrios na corda frouxa foi o e que fixo no pleno de este venres o goberno municipal de Touro. Votou en contra da Moción que rexeitaba o proxecto da nova mina e aprobaba unha declaración propia que pedía o rexeitamento do proxecto si existían riscos para a saúde.
O Pleno de Touro foi espazo para o encontro de traballadores das empresas que actúan nos antigos terreos da mina e membros da Plataforma que se opón ao proxecto. Isabel García poñía voz á Plataforma para desmontar a tese de que a non apertura do proxecto deixaría na rúa aos actuais empregados. Desvelou unha carta na que desde a empresa Explotaciones Gallegas ameázase con despedimentos se o proxecto caduca e non hai un novo, García explicou que ” Nada máis lonxe da realidade: nin Francisco Gómez, nin Explotaciones Gallegas, nin Tratamientos Ecológicos del Noroeste, nin Tecnología y Reciclaje de Materiales, nin o Centro de Valorización Ambiental do Norte viven a día de hoxe de actividades ligadas á extracción do cobre. O rexeitamento do proxecto, e incluso a caducidade da concesión mineira para o cobre, non afectaría aos postos de traballo actuais, ao contrario do que se manifesta na folla distribuída. O único afectado pola denegación do proxecto sería Francisco Gómez, e non os seus traballadores”. Isabel García sinalou tamén que “defendemos o emprego de todos, o voso e o noso. Tamén o dos veciños de Arinteiro. Temos que convivir, o que está intentando esta xente que ven de fóra, porque non son veciños, é que nos enfrontemos”.
Con todo a moción presentada polo BNG, na que se pedía instar á Xunta a denegar o novo proxecto mineiro e demandar ás empresas a eliminación da contaminación das augas e os terreos, foi rexeitada polos votos en contra do Partido Popular. A continuación o alcalde de Touro, Ignacio Codesido, deu voz a unha enmenda/proposta do Grupo do Partido Popular na que apela á “legalidade máis escrupulosa” e solicita á Xunta de Galicia que “unha vez emitidos os informes sectoriais e de poñer en cuestión a viabilidade da explotación mineira por afectar as diversas áreas consideradas como esenciais, ou se poña en risco ou perigo de contaminación o medio ambiente, a calidade das augas, ou calquera outra que afecte ou comprometa a saúde dos veciños de Touro, se proceda a denegación da solicitude presentada”. Nun segundo punto a proposta demanda dos órganos competentes da Xunta que “a empresa propietaria realice unha planificación que poña fin a contaminación das augas nos ríos e regatos que estean afectados pola mesma”.
A enmenda presentada polo alcalde foi aprobada cos votos da maioría do grupo popular. Unha declaración que, paradoxicamente, parece ignorar que os informes xa presentados pola Xunta de Galicia indican precisamente o que se pide como razón para rexeitar o proxecto xa que poñen en dúbida a calidade das augas, a contaminación e a saúde pública ademais de considerar a explotación mineira “incompatible co aproveitamento gandeiro”.