Hoax Hamlet enterra a Voadora

0

Compostela, 6 de maio do 2022 – Hoax Hamlet enterrou, de xeito literal, á compañía Voadora que se despide dos escenarios tras quince anos de actividade.

O Festival Escenas do cambio anunciaba a estrea da nova peza de Voadora pero ningún dos presentes esperaba un final tan inesperado. Foi o director da peza, Hugo Torres, o que no momento dos saúdos finais anunciaba que esa fora a primeira é última representación de Hoax Hamlet,

O enterro de Voadora

Co desconcerto reflectido nas facianas do público, Torres invitou aos espectádores a sair aos xardíns da Cidade da Cultura para enterrar a Voadora. Unha performance na que o humor tivo tamén o seu espazo.

Mentras Marta Pazos lia un sentido texto operarios de xardinería poñíanse a traballar facendo un ruído que tapa a súa voz. Ao pouco un vehículo se acerba a onde estaba o público e `poñíase a pitar para abrirse paso. Toda unha serie de despropositos preparados por Voadora para actuar ata o último suspiro.

Tras esta performance Hugo Torres tomou de novo a palabra para, agora si, agradecer a presenza de todos e invitar a entrar de novo no Museo Centro Gaias onde estaba preparada unha festa con actuación en directo.

 

 2007 – 2022

A creación puxo sobre as táboas a todas e todos as e os integrantes da compañía nun emotivo adeus artístico, unha despedida en directo que supuxo a súa carta de amor e agradecemento por toda a escena vivida durante as súas máis de 20 producións, que non serían posibles sen o apoio de creadoras e creadores, artistas, técnicas e técnicos, programadoras e programadores, teatros,festivais, institucións, xornalistas e públicos que sempre foron cómplices.

Hugo Torres, director de Hoax Hamlet, asina tamén, xunto a Fernando Epelde e Diego Anido, a dramaturxia da obra. Sobre o texto de Fernando Epelde e a escenografía de Marta Pazos, Torres dirixiu unha montaxe coral na que participaron, como intérpretes, os propios Torres, Epelde e Anido; ademais do equipo ao completo da compañía: Marta Pazos (directora artística e escenógrafa), Montse Triola (distribuidora), Jose Díaz (actor e produtor), Pablo Chaves Maza

(axudante de escenografía), Vicente Conde (contable), Iván Núñez Casal (iluminador) e David Rodríguez (son). Deste xeito, Hoax Hamlet pecha o círculo aberto hai quince anos co primeiro espectáculo da compañía, Periferia, na que as e os intérpretes eran os membros da compañía. A creación, ademais, contou coa música orixinal de Mariña Paz Otero, Tom Archi e Hugo Torres. A estrea de Hoax Hamlet desta noite tivo lugar no marco do Festival Escenas do Cambio, na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.

Xira de ‘othello’

O público aínda ten ocasión de ver en xira unha das últimas creacións de Voadora: Othello, dirixida por Marta Pazos, que nas próximas semanas visitará o 39º Heidelberg Stückemarkt Festival en Alemaña (8 de maio), o Teatro Nacional São João de Porto (21 e 22 de maio), o Pazo da Cultura de Narón (28 de maio) e o Teatro Principal de Ourense (9 de xuño).

Othello é unha revisión trasgresora da obra de Shakespeare, celebrada por público e crítica desde a súa estrea absoluto en Madrid en maio de 2021. A adaptación do libreto, asinada polo dramaturgo ourensán Fernando Epelde, está atravesada pola posverdade e as violencias machistas. Tamén, tal e como é habitual nas propostas de Marta Pazos, a hibridación de linguaxes e a plástica teñen un protagonismo especial na escena.

O espectáculo, unha coprodución de Voadora coa MIT Ribadavia, o Teatro de La Abadía e o Teatro Nacional São João de Porto, quere poñer o foco nas personaxes femininas e atacar a crudeza do Othello desde a pulsión xerada por binomios como a verdade e a mentira ou o público e o íntimo.

A actriz María Vázquez métese na pel de Desdémona, acompañada sobre as táboas polos intérpretes Pablo Chaves, Ana Esmith (Miss Beige), Chumo Mata, Hugo Torres e Diego Anido.

Sobre Voadora

A mirada irreverente e a coidada posta en escena caracterizaron o traballo de Voadora ao longo destes 15 anos de traxectoria. A compañía galega, fundada por Marta Pazos, Hugo Torres e Jose Díaz no 2007, apostou desde os seus comezos pola investigación na creación contemporánea a través dun equipo formado por artistas complementarios de diferentes disciplinas (artes plásticas, música, cine e escena) cuxa hibridación deu lugar a que cada peza fose un acto de profundo e sinceiro amor pola arte. Baixo a dirección artística de Marta Pazos e Hugo Torres, e a produción de Jose Díaz, a troupe sorteu as trampas daperiferia, transformándoas en virtudes, e transitou por todas as vertentes da creación contemporánea desde a visión ética do traballo teatral e unha fonda reflexión sobre a realidade, mais sen perder nunca os seus acenos.

A compañía, unha das grandes referencias da vangarda escénica española – e Premio da Crítica de Galicia ás artes escénicas e audiovisuais no ano 2013-, asinou máis de 20 producións escénicas, das que colleitou numerosos recoñecementos e boas críticas. Voadora traballou dentro e fóra das nosas fronteiras en formatos reducidos (Happy End), óperas de gran formato (A amnesia de Clío), montaxes colectivas de índole social (Garage, Don Juan), adaptacións contemporáneas de textos clásicos (Othello, Sueño de una noche de verano, La tempestad), novas dramaturxias musicais (Hemos venido a darlo todo), estreas de textos premiados (Siglo mío, bestia mía), videoensaios (Soy una humana) e un longo etcétera de incursións en xéneros nos que sempre deixou a súa pegada.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies