Bisbarra, 28 de xaneiro do 2022 – A recen creada Asociación Hostalería.gal denuncia que as medidas que propón aplicar a Xunta de Galicia seguirán causando un prexuízo económico ao sector.
A Asociación de Hostalería, que acolle a máis de 80 empresas de Santiago e comarca, móstrase en contra da continuidade de calquera medida restrictiva en horarios ou aforos.
Hostalería.gal denuncia que dous anos despois do comezo da pandemia o sector “segue sometido a limitacións que non permiten traballar na legalidade establecida das nosas licenzas, tanto en horarios coma en límites de capacidade”.
Explican que estes atrancos provocaron a desaparición de centos de empresas e de miles de postos de traballo. A día de hoxe “a situación segue a manterse de xeito inexplicable, con consecuencias tremendamente negativas para o sector e para o conxunto da economía galega, dado o peso específico que a nosa actividade ten no Produto Interior Bruto (PIB)”.
O colectivo pon como exemplo a caída das pernoctacións nun 38 % a respecto de 2019. Hostalaria.gal esixe a eliminación de todas as medidas restritivas que din “teñen demostrado ser totalmente ineficaces a respecto dos contaxios por Covid-19. A pesar das numerosas imposicións que supoñen unha dificultade no desenvolvemento da nosa actividade, o número de contaxios desta sexta onda foi enorme, o cal demostra que o camiño das limitacións aplicadas de xeito case exclusivo ao noso sector non dá resultado”.
Hostalería.gal reclama “con urxencia que o goberno da Xunta teña disposición ao diálogo co conxunto do sector co fin de artellar medidas que freen a destrución de empresas e de postos de traballo”.