Intervención arqueolóxica no Castro Valente, en Padrón

0

Padrón, 14 de decembro do 2020 – Hoxe comeza unha intervención arqueolóxica no Castro Valente, en Padrón que durará toda a semana.

Os traballos no Castro Valente están promovidos polo proxecto “Castelos no aire” e buscará documentar este xacemento arqueolóxico do Val do Ulla.

Un castro do século V

A escavación no Castro Valente será realizada por un grupo de investigadoras do proxecto “Castelos no aire” e do grupo Síncrisis da Facultade de Xeografía e Historia da Universidade de Santiago de Compostela. Os investigadores están dirixidos por Mario Fernández-Pereiro e en colaboración coa empresa ‘Tempos Arqueólogos’.

A intervención, que durará unha semana, procurará ampliar os datos arqueolóxicos existentes sobre o Castro Valente. Mario Fernández-Pereiro explica que “Temos documentado en toda Galiza que, en relación ca fin do Imperio Romano, aparecen multitude de fortificacións que se encargarían de organizar política e socialmente o territorio durante todo o séc. V. Será neste contexto cando entendemos que se ocuparía o Castro Valente”.

Trátase dun recinto fortificado moi característico e situado no cumio do monte homónimo, na beira sur do río Ulla, e ten un amplo control visual da súa contorna.

Fernández-Pereiro  engade que “É unha fortificación impoñente cunha superficie de 11ha, sendo o máis característico o estado de conservación das súas murallas, facendo que sexa coñecido tradicionalmente como ‘A Cerca’ pola veciñanza das parroquias próximas.”

Esta intervención englóbase dentro do proxecto “Castelos no aire” centrada en investigar como se desenvolveu a transición entre a fin do Imperio Romano e a creación do Reino Suevo. “Unha época descoñecida” afirma o investigador, “mais será aquí cando se colocaron os alicerces da evolución social, política e económica deste territorio durante a Idade Media até os nosos días.” Este mesmo equipo traballou noutros xacementos similares, coma o Faro de Budiño (O Porriño, Pontevedra) ou o Castelo de Portomeiro (Val do Dubra, Pontevedra). En ambos casos “Conseguimos documentar dúas fases diferenciadas de ocupación e novos datos sobre a produción cerámica altomedieval galega” comenta Jose Carlos Sánchez-Pardo, “esperamos conseguir algo parecido nesta nova intervención”.

A maiores de documentar o xacemento, esta intervención busca pór novamente o foco sobre o xacemento, moi maltratado polo abandono, as pistas cortalumes que o destrúen en varios puntos e a invasión de acacias que cobre unha boa parte da súa superficie.

O proxecto “Castelos no aire” está sendo financiado pola Deputación da Coruña a través das “Bolsas de Investigación 2020”, outorgada ao Dr. Mario Fernández-Pereiro. Para esta escavación contan co coa colaboración do proxecto de investigación “Territorio e Poder Monástico na Idade Media. Unha aproximación comparativa (TERPOMED)” do Dr. José Carlos Sánchez Pardo e financiado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia na convocatoria “Proxectos de Excelencia: Liña de reforzo de traxectorias emerxentes”.

Igualmente conta co apoio das Comunidades de Montes Veciñais en Man Común de Castro Valente e Barreiras, Morono e Bandín; e coa colaboración do Concello de Padrón.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial