Bisbarra, 29 de xaneiro do 2021 – A Deputación da Coruña destina fondos a estradas de Negreira, con acordos de colaboración, e Touro, por medio do plan único provincial.

Estrada Negreira a Pontenafonso
En Negreira a Deputación comezará este verán as novas obras de ampliación da estrada con Pontenafonso. No caso de Touro o Plan Único construirá preto de 2 quilómetros de sendas peonís e beirarrúas.
Estrada Negreira Pontenafonso
A Deputación licitará en febreiro a segunda fase das obras de ampliación e mellora da estrada provincial DP 5602 de Negreira a Pontenafonso. Tamén se encargará un estudo técnico para determinar a mellor solución técnica e económica para ampliar a ponte de Barbazán ou construír un novo viaducto que garanta un ancho suficiente en toda a estrada.
A ampliación da estrada Negreira-Pontenafonso, cun orzamento de 1,4 millóns de euros, é un dos investimentos máis importantes programados para este ano pola área de Vías de Obras da institución provincial, co que cumpre o compromiso de dar continuidade ao ensanche e mellora do trazado realizado no seu día nos primeiros seis quilómetros da estrada e que supuxeron unha notable mellora da seguridade.
Nesta segunda fase, as obras contemplan a ampliación da plataforma da estrada nun tramo de 2,5 quilómetros que vai dende o PK 6+105 ao 8+630, preto da ponte Barbazán, dotando ao vial dunha calzada de 7 metros de ancho e arcéns de 0,5 metros naqueles puntos nos que a liña de planeamento o permita. Levaranse a cabo tamén traballos de corrección de trazado nas curvas máis perigosas, acondicionamento de drenaxe lonxitudinal e transversal da vía e sinalización.
Plan Único en Touro
O Plan Único da Deputación financia diversas actuacións de mellora da seguridade viaria no concello de Touro. As actuacións contemplan a creación de sendas peonís e beirarrúas co obxectivo de garantir itinerarios seguros para o tránsito dos peóns.
Construirase unha senda peonil en Tribas (Loxo) de 95 metros de longo e 1,5 metros de ancho medio. Tamén en Porcariza (Vilar), cunha lonxitude de 115 metros e 1,5 metros de anchura. Nesta actuación, tamén se incluirá a pavimentación da plataforma e a mellora da sinalización horizontal.
Así mesmo, Arinteiro (Toxo), tamén contará cunha nova senda de 420 metros de longo e 1,5 de anchura media. Previa a esta actuación, canalizaranse 185 metros de tubaxe de propileno corrugadoe executaranse 8 arquetas con sumidoiro para a recollida de pluviais.
A pista de Carballiño a Calvos (Calvos de Socamiño – Circes), será dotada dun camiño de 560 metros e 1 metro de ancho medio, contando esta acción con tarefas de mellora da recollida de pluviais. No caso de Castro (Prevediños) a senda contará con 350 metros de lonxitude e anchos variables. A zona tamén verá renovada a recollida de pluviais. Por último, construirase unha beirarrúa na Goleta (Loxo) de 215 metros e 2 metros de ancho. O lugar contará con 7 pozos con sumidoiro para a adaptación da rede de pluviais xa existente.
Dentro das melloras de seguridade viaria que se levarán a cabo no municipio, inclúense traballos de pavimentación, mellora da sinalización horizontal e vertical, drenaxe e recollida de pluviais nos viarios de Vilanova a pista de Castelo (Beseño-Andeade), de Campelo a Bamela (Bama), de Ponte Barreira a Foxás de Abaixo, de camiño da Toxa a estrada Abelenda, de camiño de Rozas a Sabuceda, no viario de acceso a Barrido (Beseño), no núcleo de Calvos de Abaixo (Calvos do Socamiño), na pista de Bamela a Loureda (Bama), na de Campelo a Cruce de Bamela (Bama), na vía aTolán (Foxás), na de Doxás de Abaixo a Grixo (Foxás), en pistas de Belvís a Cruz da Mariana (Bama) e de Loxo a Mourelos (Touro).
Á súa vez, levaranse a cabo accións de ampliación da estrada da Bugalleira a AC-240 (Vilar) en 1,5 metros. Tamén se levará a cabo o revestimento da cuneta no camiño de Abelenda a Loureiros e tarefas de mellora do drenaxe na zona.
Todas as actuacións sinaladas atópanse en fase de licitación e as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 15 de febreiro de 2021.