Lens e Oca acollen a primeira ruta Apego de Ames

0

Ames, 21 de setembro do 2021 – O Servizo de Normalización Lingüística de Ames, en colaboración coa Aula da Natureza, acaba de presentar a I Ruta do Apego, unha intervención nun tramo da ruta das Ribeiras do Tambre situado nos lugares de Lens e Oca.

A ruta preparada en Lens e Oca ten como obxectivo  estimular nas crianzas o coñecemento e o gusto polo patrimonio natural, cultural e lingüístico. Ao mesmo tempo a ruta convida a gozar da fermosura e da riqueza ambiental que agocha o concello. A primeira Ruta Apego de Ames conta con elementos informativos, de xogo e de descanso accesibles ás crianzas.

Esta ruta discorre polo Camiño á Pedra de Xan Gómez, un camiño cheo de vida que agocha fermosas sorpresas. Ao longo del atópanse topónimos que din como é o terreo, que vexetación predomina, que uso se lle daba, de quen era… verbas que convidan a empregar os cinco sentidos para descubrir a contorna e manter vivas as raíces que sosteñen o futuro.

A ruta divídese en dous treitos: o primeiro é o Camiño da Pedra de Xan Gómez, que transcorre a media ladeira por un camiño de firme compacto e irregular de terra con desniveis baixos. O percorrido, lineal, ten unha distancia de 1.7km de ida e 1.7km de volta, cunha duración estimada de 2.5h. É accesible con dificultade para carros e cadeiras de rodas. Polo camiño, rodeado de carballeiras e zonas repoboadas, podemos atopar acivros, espiños e estripeiros, e nas zonas húmidas destaca a presenza de fieitos e dalgún freixo.

A segunda parte da ruta, que leva ata o Apertado do Laxindo, descende en poucos metros ata a beira do río Tambre por un camiño de firme irregular e desniveis altos. Esta segunda parte, tamén lineal, percorre unha distancia de 0.6km de ida e outros 0.6km de volta, cunha duración aproximada de 1h. Non é accesible para carros nin cadeiras de rodas. O camiño atravesa carballeiras, repoboacións e zonas de cultivo ata rematar nun bosque de ribeira con fermosos exemplares de arborado autóctono.

O acceso á ruta sitúase na estrada que une Lens con Tapia, a 600 metros de lugar de Lens, e vai desa mesma estrada ata o Apertado do Laxindo, situado no río Tambre. No inicio da ruta encontraremos un panel con información sobre a proposta e cun pequeno mapa sensorial de todo o camiño. Ademais, todos os elementos do camiño autoguiado, sexan informativos, de xogo ou de descanso, son accesibles para crianzas e público en xeral, tanto en ergonomía como en contidos.

Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística, agarda que esta intervención contribúa a fomentar entre ás familias o achegamento ao patrimonio natural, cultural e lingüístico e se acabe convertendo nun punto de interese máis do concello tanto para a veciñanza como para quen o visite.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial