займ срочно

Libros, escea e música no Mes das letras de Ames

0

Ames, 5 de maio do 2022 – Teatro, música e literatura conforman a programación do Mes das Letras que organiza o departamento de cultura do concello de Ames.

 A oferta inclúe as propostas de animación á lectura habituais das bibliotecas, como as presentacións de libros, as sesións de contacontos e os obradoiros, aos que se suman a obra de teatro “Reino de extinción”, a foliada do programa Apego, a entrega de premios do XIX Certame Literario e dous encontros musicais. Preme aquí para consultar ao completo a programación do mes das letras en Ames.

O mes das letras

Coa chegada do 17 de maio e do Día das Letras Galegas, este ano dedicado a Florencio Delgado Guirriarán, o Concello de Ames prepara para todo o mes un conxunto de actividades, que comezan esta mesma semana e continuarán ata o sábado 21.

A Libraría Lenda, en Bertamiráns, acolleu a presentación desta programación, á que acudiron a concelleira de Cultura, Natividade González, e a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, responsables dos departamentos que incorporan actividades ao mes das letras.

A concelleira de Cultura quixo destacar a colaboración realizada neste mandato dende as súas áreas co sector do libro. “Os libros ás veces non só hai que lelos, tamén hai que compralos, cómpre que este sector poida vivir en Galicia e dos libros en galego”, sinalou González, que recordou que as librarías amesás “son tanto para a Concellaría de Cultura como para as bibliotecas tamén as nosas protagonistas”. Con respecto ao cartel, gabou que conte “cunha programación cultural extensa e intensa”, grazas á suma de propostas dos departamentos de Bibliotecas, Cultura e da Escola Municipal de Música.

Pola súa parte, a concelleira de Normalización Lingüística, Escarlata Pampín, subliñou “o interese especial” deste mes para a súa Concellaría. “Loxicamente para nós o 17 de maio é unha data especial, estamos na loita para que todos os días sexan o día das nosas letras”. Ademais, salientou que a súa área aporta “dous clásicos” ao cartel, a foliada con Apego “que fía a tradición coas letras” e os premios do XIX Certame Literario de Ames, que “deixa patente que temos unha canteira tremenda de escritoras e escritores no concello”.

Programación

A programación do mes das letras comeza propón  presentacións de libros en galego programadas polas bibliotecas amesás, sempre no Pazo da Peregrina, en Bertamiráns, a partir das 20:00 horas e con entrada libre ata completar aforo.

Hoxe xoves 5 o escritor Henrique Monteagudo presentará o seu ensaio “O idioma galego baixo o franquismo”. Por último, o xoves 19 será a quenda de Rafa Vilar e do seu poemario “O sal dos días”, obra gañadora do Premio Rosalía de Castro de Poesía 2021.

“Reino de extinción”, comedia para falar sobre identidade

Pola súa banda, mañá venres 6 ás 20:30 horas a Casa da Cultura de Bertamiráns acolle a última das dezaseis obras da programación cultural de artes escénicas de Ames da primeira metade de 2022. Trátase de “Reino da extinción”, da compañía Amorodio Teatro, unha comedia que conta a historia de catro persoas galegas de diferentes etapas históricas, forzadas a convivir nun alén moi distinto do que imaxinaban, poñendo a proba as ideas do público sobre que é ser galego, vivir en Galicia ou falar a nosa lingua. As entradas poden retirarse na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Obradoiros e sesións de contacontos nas bibliotecas

Tamén continúan en maio as propostas de animación á lectura para público infantil das bibliotecas de Ames, coas súas actividades habituais. Deste xeito, haberá unha sesión de contacontos para á rapazada dos 3 aos 8 anos e un obradoiro para os nenos e nenas de 3º a 6º de primaria.

Neste senso, “Vexo-vexo, que ves?” é o título da sesión de contacontos para as crianzas máis cativas. A actividade fará tres paradas en cada unha das dúas bibliotecas do concello. No Milladoiro estará os días 4,5 e 6 de maio, mentres que en Bertamiráns parará os días 18, 19 e 20, sempre a partir das 17:30 horas. As inscricións para a biblioteca de Bertamiráns abrirán do luns 9 ao sábado 14 de maio, para as que haberá que chamar ao 981 88 48 29, ou ben enviar un correo a biblioteca@concellodeames.gal. Pola súa banda, o prazo de inscrición xa rematou para as sesións na biblioteca do Milladoiro.

Ademais, para a rapazada de 3º a 6º de primaria organízase un obradoiro de imprenta, no que se elaborará un “fanzine” sobre o escritor homenaxeado en 2022, Florencio Delgado Gurriarán. Os talleres terán lugar no Milladoiro o venres 20 de maio, ás 17:30 horas, mentres que en Bertamiráns a sesión será o sábado 21, ás 11:30 horas. Dende o 9 ata o 18 de maio poderase reservar praza a través do enderezo electrónico biblioteca@concellodeames.gal, ou ben no teléfono indicado para cada centro: para a biblioteca do Milladoiro, o 981 53 08 07, mentres que no caso de Bertamiráns, o 981 88 48 29.

Entregaranse os premios do XIX Certame Literario o venres 13

Como é habitual en maio, o Servizo de Normalización Lingüística celebrará o venres 13 de maio, na Casa da Cultura do Milladoiro, a entrega de premios ás persoas gañadoras da XIX edición do Certame Literario de Ames, na que participaron un total de 152 traballos. A decisión do xurado, formado por María López Sández, Ismael Ramos e Armando Requeixo coñecerase tres días antes, o 10 de maio, a través da web municipal e das redes sociais do Concello de Ames. O acto terá lugar ás 20:00 horas e contará cunha actuación musical do alumnado da Escola Municipal de Música de Ames, a EMMA.

Volve a foliada do Apego con música e tradición para as crianzas

No que respecta ao programa Apego de Ames, este aportará á programación do mes unha nova edición da súa foliada, unha actividade chea de música para compartir, cantar, bailar, aprender cancións galegas e pasalo ben. Será o venres 20 de maio no Pazo da Peregrina de Bertamiráns, a partir das 18:00 horas, cando as persoas asistentes poderán gozar da actuación de “Café Dorothé”, de Sonsoles Penadique e Virxilio da Silva. As inscricións para a actividade, de balde e dirixida ao público familiar, poderán realizarse do 12 ao 19 de maio, enviando un correo ao enderezo normalizacion@concellodeames.gal.

Dous encontros musicais para pechar o mes

Por último, durante o mes das letras tamén haberá lugar para a música, con dous encontros na penúltima semana de maio. O venres 20 de maio a EMMA organiza un encontro coas escolas de música de Negreira e Brión na praza de Chavián, en Bertamiráns. Ao día seguinte, o sábado 21 ás 20:00 horas, celebrarase tamén en Bertamiráns, na Casa da Cultura, un concerto–encontro das agrupacións de música e baile tradicional de Ames, no que participan as asociacións culturais Os Castros, Airiños do Paseo do Colón, Maianas e Retranqueiros. Os convites estarán dispoñibles na Billeteira electrónica do Concello de Ames.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies