Lousame acolle un dos máis de douscentos puntos de auga para a loita contra o lume

0

Lousame, 3 de xuño do 2021 – Lousame acolle un dos 220 depósitos de auga que a Xunta está distribuíndo por toda Galicia para a loita contra o lume e que contan cun investimento total de 2,2 millóns de euros.

P depósito de Lousame ten unha capacidade de 192.000 litros e servirá para a carga de auga de helicópteros e motobombas. O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado do director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, e da alcaldesa do concello de Lousame, María Teresa Villaverde, desprazouse ata o lugar no que está situado.

O conselleiro sinalou que a construción destes novos depósitos enmárcase na liña de axudas que anualmente saca a Consellería para a prevención dos danos causados aos bosques por incendios, desastres naturais e catástrofes en montes veciñais en man común e en sociedades de fomento forestal (Sofor). A orde contempla dúas liñas de actuacións, por unha parte subvencións para o control selectivo de combustible e, por outra, a construción de puntos de auga.

José Gonzálezdestacou que no marco do Plan Preventivo de Galicia 2021, a Xunta está a levar a cabo o mantemento dos case 4.000 puntos de auga que están repartidos pola xeografía galega, co fin de estar nas mellores condicións ao inicio da tempada de alto risco.

O conselleiro destacou que no Distrito Forestal IV Barbanza existen a día de hoxe un total de 287 puntos de auga, dos cales 32 son neste municipio coruñés, e 2.032 en toda a provincia da Coruña. Segundo salientou José González, estas infraestruturas permiten cargar auga ás cisternas, ás motobombas e aos helicópteros que traballan na extinción de incendios polo que son “fundamentais” na loita contra os lumes.

Traballos de prevención

Durante a súa visita, o conselleiro tamén puxo en valor o resto de actuacións que contempla o Plan Preventivo que, cun orzamento duns 30 millóns de euros, permite actuar en máis de 58.000 hectáreas de monte e nuns 5.000 quilómetros de pista e vías de comunicación, entre outras accións.

Durante a súa visita a Lousame, o titular de Medio Rural tamén supervisou tres obras que se están a levar no monte Agudo de Xestoso, que está en consorcio coa Xunta, e que conlevan a roza e rareo dunha superficie de case 45 hectáreas, entre obras das direccións xerais de Planificación e Ordenación Forestal e de Defensa do Monte. Así, trátase de diversas rozas sobre zona de rexeneración natural, baixo piñeiro, e tamén en zona alta sobre cortalumes. Tamén se están executando rareos e podas con eliminación de restos e rozas manuais en zonas próximas ás vivendas.

Doutra banda, José González sinalou que no concello de Lousame hai unha parroquia priorizada dentro do convenio subscrito entre a Xunta e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) para a protección das aldeas, a de Tállara. Nela, a Xunta deulle a posibilidade aos particulares de xestionar a vexetación próxima ás vivendas por tan só 350 euros por hectárea. Neste senso, o conselleiro agradeceu o compromiso dos concellos en materia de loita contra incendios forestais, xa que son 269 os adheridos a este convenio, case o 86% dos municipios galegos.

Roza en Lousame

A alcaldesa, Teresa Villaverde agradeceu a presenza do conselleiro e do director xeral de Defensa do Monte en Lousame ao tempo que fixo un chamamento a toda a poboación: “isto é un tema serio. Xa se explicou que hai unha franxa de protección arredor dos núcleos e que hai que rozar. Hai parroquias de alto risco, como Tállara, onde no verán nos botamos todos as mans á cabeza e o que hai que facer agora é previr e cumprir os prazos de limpeza e seguridade dos núcleos”.

Villaverde apuntou que “hai opcións para firmar convenios co Seaga, pois é moi barato o prezo para rozar, pero tamén hai outras opcións que exporemos nunha próxima reunión que convocaremos en Lousame en dez ou quince días, segundo evolucione a pandemia sanitaria. Non queremos que chegue o momento das sancións, pero van chegar se non se reacciona. Queremos que saiban todas as posibilidades que teñen pero o prazo se esgota”.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial