Lousame aproba uns orzamentos para o 2021 de 3,8 millóns de euros

0

Lousame, 30 de decembro do 2020 – O pleno de Lousame aprobou, en sesión extraordinaria, os orzamentos municipais para 2021, que ascenden a 3.849.892,07 euros.

Os orzamentos de Lousame crecen un 0,82% con respecto ao 2020. As contas foron aprobadas cos dez votos a favor de PP e PSOE, e co voto en contra do representante do BNG.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explicou que “é un orzamento garantista e realista, e poñéndonos sempre na peor das situacións”, que cumpre cos principios de estabilidade orzamentaria, límite de débeda e incluso coa regra de gasto, pese a non ser obrigatoria este ano. “O 23% do orzamento municipal vai para Servizos Sociais e, se falamos do gasto corrente, esta porcentaxe se incrementa ata o 43%, polo que penso que o esforzo orzamentario en Servizos Sociais é moi reseñable”, destacou a alcaldesa.

En total, o Concello de Lousame destinará máis de 885.000 euros a Servizos Sociais. No caso concreto do Capítulo II, destinado a Gasto Corrente e que ascende a 1.216.699,54 euros, reservaranse máis de 523.000 euros para gasto social. Os gastos financeiros mantéñense nos 14.400 euros.

Así mesmo, Villaverde salientou que Lousame conta cun aforro neto positivo de 102.633,20 euros, polo que anunciou que “seguiremos coa contención do gasto e facendo o esforzo de axilizar a tramitación de facturas para manter o período medio de pago por debaixo dos 30 días”. Así mesmo, fixo fincapé en que as contas de 2021 presentan “un superávit orzamentario de 28.662 euros”, por riba dos 4.580,70 euros contemplados no Plan Económico Financeiro 2020-2021.

Aumento das inversións

No que atinxe aos investimentos reais, o Capítulo VI ascende ata os 1.331.810,78 euros, un 29,41% máis co exercicio anterior. Unha partida que inclúe actuacións en infraestruturas demandadas polos tres grupos municipais como: a mellora do viario á Escabia, a pavimentación do viario no núcleo de Vilar, a pavimentación do acceso a Abelendo e do camiño Barreira-Guiende, a mellora dos accesos a Cerquides e as melloras nos camiños do Cruce do Peital a Fruíme, de Quintáns a Horta Cairo e de Camporredondo a Fontefría.

Ademais, inclúese a mellora na captación e abastecemento de auga ao lugar de A Silva, a segunda fase da renovación de luminarias en todo o municipio, acondicionamento da pista polideportiva de Vilacoba, arranxo das cubertas dos lavadoiros de Merelle e A Barreira e a expropiación dos terreos para o sendeiro Ponte Abelendo-Caraveiras. Finalmente, recóllense tamén incrementos do equipamento no Punto de Atención á Infancia e no Centro de Día, así como a substitución do alumeado no propio Centro de Día e na Casa da Cultura.

Sen débeda bancaria

A segunda fase do proxecto de mellora do alumeado público en Lousame centrou gran parte da exposición da alcaldesa, que lembrou que o Concello tivo que adiantar en xullo preto de 168.000 euros correspondentes á primeira fase e o IDAE aínda non os reintegrou. “Se para o ano queremos acometer a segunda fase, falamos dunha achega de 509.000 euros, o que suporía contratar unha operación bancaria para ter liquidez e proceder ao pago da obra, previo á liquidación que despois ten que facer o IDAE”, explicou.

Neste sentido, Villaverde Pais fixo fincapé en que “non temos ningunha operación financeira cos bancos, nin a longo nin a curto prazo” e lamentou que este tipo de contratos nos que os concellos teñen que adiantar os cartos “para os concellos pequenos isto é unha limitación e case unha discriminación porque non temos a mesma liquidez ca un concello grande”.

Finalmente, o Capítulo 1 de gastos en persoal recolle o incremento do 0,9% dos soldos, mentres se continúa traballando na Relación de Postos de Traballo, que podería estar lista a finais do primeiro semestre de 2021.

Debate

O debate plenario tivo como principal novidade o cambio de portavocía no grupo municipal socialista, onde Beatriz González Bargo substitúe a Julio Paradela, quen continúa como concelleiro socialista. Teresa Villaverde agradeceu o traballo realizado por Paradela e desexoulle a mellor das sortes á nova voceira socialista. Na súa intervención, Beatriz González preguntou pola ausencia nos orzamentos de inversións na mellora do servizo de Internet e telefonía en Lousame. Villaverde Pais indicoulle que estes investimentos os realiza directamente a Xunta, polo que non se inclúen nas contas municipais.

Pola súa banda, o voceiro nacionalista, Anxo Moledo, xustificou o seu voto en contra en que “non son os orzamentos que faríamos desde o BNG” e porque “tiñan que ser uns orzamentos máis sociais, onde se destinaran máis cartos a axudas para a xente sen recursos”. Villaverde Pais lembroulle que “o 43% do Capítulo II é para gasto social, pero ademais hai partidas para Emerxencia Social e dende os Servizos Sociais municipais se tramitan e se ofrecen axudas de todo tipo”, polo que ningunha familia do municipio queda desatendida.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial