Lousame mellora  a seguridade viaria nunha curva no monte Revolta do Lobo

0

Lousame, 25 de novembro do 2020 – O Concello de Lousame vén de investir 50.496,31 euros de fondos propios na realización de tres pequenos proxectos de mellora.

Os traballos leváronse a cabo nos lugares de Ces, Cruído e Escabia. A obra máis cuantiosa foi a mellora da curva no monte Revolta do Lobo, na Escabia, no que se investiron 30.464,92 euros.

A alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, explica que “era unha actuación moi necesaria xa que se trataba dunha curva bastante perigosa para os peóns e que conseguimos eliminar con esta ampliación”. As obras incluíron a mellora do pavimento da curva nun tramo de 60 metros no que se ampliou o ancho en dous metros cun triplo tratamento asfáltico. Ademais, construíuse un muro de bloques de granito, de 20 metros de lonxitude e 4 metros de alto, para contención de terras así como unha cuneta revestida de formigón ao longo deses 60 metros de traxecto, cunha arqueta e entubado para a recollida de augas pluviais.

No caso da actuación na aldea de Ces, o Concello de Lousame achegou 13.699,61 euros á reparación de dous treitos dun camiño interior: o primeiro de 115 metros de longo por 4,5 metros de ancho e o segundo de 60 metros de lonxitude e 4 metros de ancho. En ambos os dous casos empregáronse cinco centímetros de zahorra e quince de formigón, previa nivelación do pavimento existente.

Finalmente, o Concello de Lousame investiu 6.331,78 euros no afirmado do camiño do Lagar, en Cruído. “Trátase dun camiño que dá acceso ás novas vivendas que se construíron na zona e que tiñan unha parte aínda sen pavimentar”, explica Teresa Villaverde. As obras incluíron o afirmado deses 240 metros de camiño, de 4,5 metros de ancho, con vinte centímetros de  zahorra e posterior selado con cinco milímetros de area. Así mesmo, limpáronse as gabias e salvagabias para unha correcta drenaxe das augas pluviais.  

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial