Lousame mira ao pasado a través da fotografía

0

lousame, 18 de maio do 2021 – O Club de Xubilados de Lousame ven de abrir no seu local de Aldeagrande unha exposición fotográfica que devolve ao visitante a principios do século XX.

A mostra de Lousame recolle 99 fotografías antigas, entre os anos 30 e 60 do pasado século, achegadas por unha vintena de maiores do concello. O proxecto contou coa colaboración do Concello, a Deputación da Coruña, a Fegam e o Xacobeo 2021.

A temática das instantáneas é moi variada: dende imaxes clásicas na escola ou en vodas, ata fotografías de veciños de Lousame facendo o Servizo Militar ou en calquera das festas das distintas parroquias. Retratos e fotos de marisqueo xúntanse coas dos primeiros vehículos aparecidos no municipio e, incluso, as primeiras actuacións de Prudencio Romo coa orquestra Brasil.

O presidente do Club de Xubilados de Lousame, Francisco Avelino García Nieto, encargado de inaugurar a mostra, explica que “dado o éxito da exposición do ano 2020 vímonos obrigados a facer outra para dar cabida a todas as fotografías que nos fixeron chegar os socios e socias da nosa entidade”.

As redes sociais levaron a exposición do ano pasado a anécdotas como a relatada na presentación por García Nieto “quero recordar a visita no verán duns galegos que viven en Barcelona. Resulta que viron a través das redes sociais a foto dun familiar e viñeron ata Lousame a ver e pedir a fotografía”.

O presidente engade que “detrás desta exposición hai moito traballo de recollida, escaneo, arranxo dixital, impresión, colocación… pola que agradecemos a colaboración do persoal dos departamentos de Cultura e Voluntariado do Concello de Lousame xa que, sobre todo, detrás desta exposición está a ilusión de moitas persoas”.

Horario de visita

Para evitar aglomeracións, sobre todo nestes tempos de pandemia sanitaria, a exposición quedará de forma permanente no local do Club de Xubilados en Aldeagrande e poderá visitarse todos os domingos, en horario de 17:00 a 20:00 horas. A exposición recolle fotografías cedidas por: Josefa Lorenzo López, Antonio Romero García, Francisco González Santos, María Cristina Rey Castro, José Manuel Pérez Gómez, Carmen Gómez Romero, María Isabel Figueira Romero, Dolores González Castro, Ángeles Ronquete Romero, José Antonio Ces Barreiro, José Manuel Outeiral Castro, Francisco Avelino García Nieto, Filomena Filgueira Fernández, María Rosa Pilar Freire Carou, “Teresuca”, María Soledad Souto Lamas, José Lojo Queiro, María Luisa Pazos Suárez e Pilar Lobagueira Villar.

Pero a actividade non se detén con esta mostra, os maiores de Lousame xa teñen no horizonte un novo proxecto no que comezarán a traballar a finais deste verán. Trátase dunha iniciativa audiovisual, que se denominará “Testemuños”, que servirá para dar continuidade a estas dúas exposicións fotográficas e nas que se recollerá en vídeo as vidas dos maiores de Lousame.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial