Matemáticas para controlar a pandemia

0

Compostela, 11 de febreiro do 2021 – Científicos de Galicia e Portugal traballan en modelos matemáticos que atopen o equilibrio entre combater a pandemia e activar a economía.

O proxecto leva por nome ‘Predico’ (Predición dinámica de escenarios de afectación por COVID-19 a curto e medio prazo). Os científicos pertencen á USC compostelana e a UVigo e traballan coordinados cun equipo homólogo de Portugal. O obxectivo final e conseguir un control eficaz da pandemia.

Alberto Pérez Muñuzuri, Alejandro Carballosa, Juan Nieto e Jorge Mira son os científicos da USC que asinan a investigación xunto a Iván Area da universidade viguesa.

Publicación internacional

O artigo ‘Optimal control of the COVID-19 pandemic: controlled sanitary deconfinement in Portugal’, que acaba de ver a luz na revista Scientific Reports, presenta os primeiros resultados de este traballo.

Os científicos combinaron a teoría matemática do control óptimo coa análise da rede social Twitter en Portugal, para axustar a curva de infectados no país veciño.

O equipo afondou na evolución da pandemia durante a primeira onda en Portugal, un país no que, durante o seu confinamento, concorreron circunstancias de homoxeneidade, a nivel de comportamento poboacional, sen fragmentación territorial e de regulamentacións, e illamento de fluxos de visitantes exteriores. Os investigadores explican que “Estas características, sumadas ao seu relativamente gran tamaño de poboación, fixeron dese país un bo exemplo a analizar. As políticas de confinamento adoptadas foran ben implementadas e evitaron unha sobrecarga do sistema nacional de saúde portugués”.

Estudo da rede social Twitter

Os autores propuxeron un modelo matemático que axustou a curva portuguesa de infectados, con parámetros corrixidos en base á análise da rede social Twitter do país, para detectar mudanzas na opinión pública ao longo do tempo. A continuación, aplicaron a teoría matemática do control óptimo, coa que determinaron “estratexias que maximicen o número de persoas que poidan retornar á vida normal, minimizando ao mesmo tempo o número de infectados activos, con custos económicos mínimos e garantindo un baixo nivel de hospitalizacións”, explican. Deste xeito, lógrase determinar a intensidade e duración dos períodos de desconfinamento que “permiten manter o número de infectados activos, e consecuentemente de hospitalizacións, por debaixo dun nivel considerado seguro para o sistema nacional de saúde”, engaden.

A teoría do control óptimo é unha rama das matemáticas que ofrece unha ferramenta para abordar o problema de atopar estratexias para deter a transmisión do  SARS- CoV-2. “É unha poderosa ferramenta para deseñar estratexias de control e actuar de maneira óptima nun sistema dado”, sinalan. “Pode axudar ás autoridades sanitarias a comprender, anticipar e mitigar a propagación do virus e avaliar a efectividade potencial de estratexias de prevención específicas”, apuntan.

Cristiana Silva, Carla Cruz e Delfim F.M. Torres da Universidade de Aveiro, Rui Fonseca-Pinto da Politécnica de Leiria,  Rui Passadouro e Estevaõ Soares dos Santos do ACES Pinhal Litoral e Wilson Abreu do Centre for Health Technology and Services Research de Porto completan o resto de asinantes do artigo.

O proxecto ‘Predico’, liderado pola USC, conta con financiamento do Ministerio de Ciencia e Innovación do Goberno de España.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial