Melide, 14 de decembro do 2020 – A Deputación mellorará a seguridade viaria de Melide coa creación dunha senda peonil en Folicheiro e o acondicionamento de pistas na zona rural do concello.
O investimento da Deputación para estes traballos alcanza os 313.619,67 euros con cargo ao Plan Único. Estas melloras afectan a pistas e lugares que se atopaban en mal estado debido ao tránsito de maquinaria e vehículos pesados, á densidade do tráfico e ás condicións meteorolóxicas.
Máis de douscentos mil euros do investimento total destínanse a limpeza nas cunetas, barrido e preparación da superficie. Pavimentaranse e repoñerase a sinalización nas pistas a Ponte da Pedra, a Xubial, acceso ao Ribeiro, ramal a pista Martagona, a Penacova, acceso a Iglesia Folladela, acceso ao Casal e acceso a Marcoraos.
Senda en Folicheiro
Por outra banda, investiranse 99.321,35 euros na creación dunha senda peonil en Folicheiro a ambas marxes da estrada co obxectivo de mellorar a seguridade dos peóns que transitan por ela, ademais da mellora da vía existente. A senda estará feita con zahorra e pavimento de mestura bituminosa en quente. Tamén se acondicionará unha zona de aparcamento con zahorra artificial e pedra con dous tratamentos asfálticos. Á súa vez, levaranse a cabo tarefas de asfaltado do viario existente e crearase unha rede de recollida de pluviais.
Licitación
Todas estas actuacións da Deputación atópanse en fase de licitación. As empresas interesadas no proxecto de construción da senda peonil en Folicheiro poderán presentar as súas ofertas ata o 28 de decembro de 2020, mentres que as que o fagan para a pavimentación das pistas no rural terán ata o 21 de decembro deste ano para facelo.