Melide, 8 de xullo do 2020 – A Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de publicar na plataforma Contratos de Galicia a licitación, por 956.948,94 €, da obra de rehabilitación integral do CEIP de Melide nº 1.
A actuación no colexio de Melide inclúe por unha banda a mellora da eficiencia enerxética mediante a substitución da cuberta existente na zona de comedor e cociña e na zona deportiva, cun novo tipo de illamento, así como o illamento das fachadas polo exterior mediante o sistema denominado SATE. Por outro lado e co mesmo obxectivo, renovaranse as fiestras por unhas de carpintería de aluminio con rotura de ponte térmica e vidro dobre baixo emisivo e colocaranse luminarias LED con regulación lumínica
A mellora da accesibilidade ao centro conseguirase mediante a instalación dun ascensor exterior que comunique todas as plantas, dunha rampla exterior en planta baixa no acceso principal ao edificio e doutra rampla no interior da planta soto que conecte o ximnasio co acceso ao ascensor.
Por outra parte, crearanse novas aulas no interior da actual vivenda do conserxe, que estarán dotadas dos accesos pertinentes.
A maiores, está prevista a reparación e pintado de paramentos interiores, o esmaltado de carpinterías interiores de portas e o abrillantado do pavimento de terrazo.
O obxectivo é iniciar as obras no centro durante o verán e compatibilizalas a partir de setembro co curso escolar, sempre baixo as máximas medidas de seguridade. Os traballos teñen un prazo de execución de 3 meses.