Mellora da seguridade viaria en Arzúa

0

Arzúa, 27 de outubro do 2021 – Arzúa aumenta a seguridade vial coa instalación, a vindeira semana, de dous semáforos peonís no casco urbano.

A colocación dos semáforos é unha necesidade despois do aumento de tráfico no principal cruce da vila, consecuencia da apertura do tramo da A-54. O goberno municipal ven de anunciar o remate dunhas actuacións que en consonancia co Ministerio de Transportes permitirán unha circulación máis fluída de vehículos  e un tránsito máis seguro para todos os peóns.

Dende a apertura do tramo da futura autovía a Lugo que remata en Arzúa o fluir de vehículos, de maneira notable camións e outros vehículos pesados, non só ralentizaron a circulación senón que viñan provocando importantes retencións en cada unha das estradas que desembocan no cruce principal da vila.

Tratando de buscar unha solución que mitigara esta situación, o goberno local, en colaboración co Ministerio de Transportes, titular dunha das vías principais ( a estrada N-547) traballaron nos últimos meses na procura dunha solución.

A primeira das medidas foi a eliminación de dous pasos de peóns no centro urbano, un deles próximo ao cruce principal e o outro ao carón da Rúa Alcalde Juan Vidal, neste último téñense rexistrado varios accidentes nos últimos anos. Ambos pasos foron sustituídos por un único paso de peóns central fronte á Praza de Galiza.

Neste novo paso, o cruce de peóns quedará regulado a través dun semáforo para facer así máis seguro e cómodo o tránsito dos cidadáns nun dos núcleos de maior actividade da vila. Un segundo semáforo regulará o paso de peóns ubicado na mesma estrada fronte á Casa Consistorial,  así se decidiu tras constatar que se trata dun dos pasos que presenta maior índice de perigosidade. Ambos semáforos comezarán a funcionar a finais da vindeira semana.

Coa finalidade de velar, ante todo, pola seguridade dos veciños e veciñas de Arzúa tamén se fará unha intervención noutros dous pasos de peóns ubicados ao longo da travesía principal, un deles o que está preto da Oficina Municipal de Turismo e outro na saída do núcleo urbano en dirección Lugo. Neste caso procederase á colocación duns puntos luminosos led que permitirá darlles maior visibilidade e disminuir a súa perigosidade.

O alcalde de Arzúa, José Luis García, salientaba a importancia dunha actuación “que, sen dúbida, está pensada para incrementar a seguridade dos veciños e veciñas de Arzúa e de todas cantas persoas transitan pola vila”, recordando así mesmo que “a supresión dos dous pasos de peóns atende a criterios técnicos e ás cifras de siniestralidade rexistradas nos mesmos nos últimos anos, a súa reconversión nun único paso central está orientada ante todo ao reforzo da seguridade  e tamén a facilitar o desatasco que asiduamente se vén producindo no cruce principal”.

Pola súa banda, a Concelleira de Obras, a socialista Begoña Balado, destacou a importancia de que “os pasos de peóns sexan regulados mediante semáforos, xa que segundo criterios técnicos e despois de varias visitas a Arzúa de persoal da Demarcación de Estradas do Estado en Galicia considérase esta a mellor opción non só para  a seguridade dos peóns senón tamén para que o tránsito de vehículos sexa máis fluído”.

Begoña Balado quixo agradecer ao Ministerio de Transportes “o interese amosado polo ente estatal dende un primeiro momento por buscarlle unha solución a un problema que Arzúa viña padecendo dende hai tempo e que agora, agardamos, poida quedar solventado”. Lembrou, ademais, a concelleira socialista que nas vindeiras datas esta actuación verase complemetada cun amplo proxecto de acondicionamento e mellora que o Ministerio de Transportes ten previsto acometer na estrada N-547, entre os municipios de Melide e Arzúa, e no que se investirán 2 millóns de euros.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial