Lousame, 27 de xaneiro do 2022 – Xunta de Galicia e o Concello de Lousame uniron forzas para a mellora do viario que une Sanguiñal con Tállara.
O ente autonómico aporta cen mil euros a esta obra o que supón o cen por cen do fianciamento. O concello será o encargado da licitación e execución das obras. A intervención mellorará o firme do viario de Sanguiñal a Tállara desde a DP-1104 á DP-1105.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou o acordo coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde. A previsión do Concello é adxudicar os traballos na primavera para executalos no verán, cun prazo estimado dun mes.
As obras consistirán no saneo dos puntos máis deteriorados, vertendo unha primeira capa para regularizar o firme e estender, a continuación, unha capa de rodaxe de 5 centímetros. Será preciso adaptar á nova rasante os pozos de rexistro e as arquetas, ademais da reposición completa das marcas viarias. Tamén se instalarán bandas sonoras para a redución da velocidade.
Este convenio dálle continuidade ao asinado en 2019, co que se levou a cabo a mellora do firme da estrada municipal que conecta Portobravo e Tállara. Así, actuouse daquela en máis de 5 km, dotando de nova capa de rodadura o viario municipal, grazas ao investimento autonómico de 450.000 euros.
Mellora da mobilidade en Lousame
Ethel Vázquez tamén lembrou que a Xunta reforzou a mobilidade na zona a través da modernización no transporte público, implantando novas modalidades como o sistema a demanda e compartido, que aproveita as prazas baleiras dos autobuses escolares para que os veciños poidan facer os seus desprazamentos habituais. Puxo en valor a tarxeta Xente Nova, coa que en Lousame 78 mozos fixeron en 2021 preto de 3.500 viaxes de balde no autobús da Xunta. Recordou que o Goberno galego tamén colabora co Concello nas súas competencias municipais de saneamento, abastecemento e depuración, para ofrecer mellores servizos aos seus veciños.
Neste sentido, atendendo á solicitude do Concello, Augas de Galicia está a redactar o proxecto construtivo da mellora da rede de saneamento e da nova depuradora de Lousame, que dará servizo a varios núcleos do municipio, concretamente aos núcleos de Devesa, A Silva, Berrimes, As Quintáns e A Costa. Unha actuación que permitirá dar servizo a instalacións como a piscina e o polideportivo municipal, así como ao colexio Cernadas de Castro.