Melloras na Casa de Rosalía financiadas pola Deputación

0

Padrón, 5 de xaneiro do 2022 – A área de Cultura da Deputación da Coruña financia as obras de mellora do Auditorio da Casa de Rosalía na Matanza, en Padrón.

O responsable da Deputación, Xurxo Couto, visitou as obras do Auditorio da Casa de Rosalía de Castro, nas que o organismo provincial contribúe con 60.000 euros. Os traballos iniciáronse en outubro de 2021 e o seu remate está previsto para a vindeira primavera.

A achega da Deputación foi acordada nun convenio de colaboración coa Fundación Rosalía para realizar as adaptacións e melloras que teñen que ver co confort térmico e a salubridade, tanto do espazo do volume principal coma da planta soto, de acordo ás novas normativas, así como adaptacións da mellora do confort acústico.

A proposta inclúe a mellora das instalacións de electricidade e iluminación así como as de audiovisuais atendendo aos usos actuais e futuros, ademais dunha rampa de acceso que permita acceder a todas as persoas en condicións de igualdade. O resto do financiamento, que supón un total de 170.000 euros, está a ser achegado pola Xunta de Galicia e a propia Fundación Rosalía de Castro.

Acometer esta obra era un dos principais obxectivos da Fundación Rosalía de Castro nos últimos anos, dado o deficiente estado no que se encontraba o edificio, con instalacións obsoletas para a cantidade e calidade da programación que conta a Casa-Museo e con partes gravemente deterioradas, como é o caso dos camerinos e os aseos, que reclamaban melloras urxentes debido ás continuas inundacións producidas por atoparse a unha cota baixo rasante. Anxo Angueira, presidente da Fujndación, asegurou no transcurso da visita que “esta actuación é indispensable para o desenvolvemento das numerosas e diversificadas actividades que temos na Fundación ao longo do ano, e despois de toda a renovación que se fixo no interior da Casa, agora cumpríalle ao Auditorio estar á altura do emblema que respesenta esta Fundación”.

Unha idea na que se amosou coincidente Xurxo Couto indicando que “a Deputación contribúe a estas obras porque entendemos que a Casa Museo Rosalía é un dos centros culturais de referencia do país e, neste sentido, que conte cunhas instalacións dignas e propias do século XXI é tan necesario como de xustiza, para que poida desenvolver a súa actividade ao nivel que lle corresponde”.

O edificio actual, construído en 1985 polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat Lois, contaba ata o momento con escasos recursos para levar adiante o seu cometido principal: acoller actividades culturais en boas condicións. Non dispoñía nin de iluminación nin de condicións sonoras axeitadas ás necesidades, nin equipamento de son que permitise a realización de espectáculos escénicos.

A reforma do edificio ten o obxectivo de aumentar a capacidade do espazo e volume, para o que se realizará unha readecuación completa do interior da edificación do auditorio na que son imprescindibles adaptacións e melloras que teñen que ver co confort térmico da sala, illamento, calefacción e aireación de acordo ás novas demandas e normativas así como adaptacións de mellora do confort acústico en tanto se trata dun lugar cunha demanda continua para os usos musicais e de comunicación oral e audiovisual que deben igualmente adaptarse á contemporaneidade técnica.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial