Melloras na N-547 en Arzúa e Melide

0

Bisbarra, 3 de novembro do 2021 – A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, visitou o concello de Arzúa onde anunciou un investimento de 600.000 euros na nacional 547.

As melloras do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana na 547 beneficiaran especialmente aos núcleos urbanos de Arzúa e Melide. María Rivas supervisou, xunto coa tenente de alcalde de Obras, Begoña Balado; os traballos de semaforización e mellora da seguridade vial na localidade de Arzúa.

A subdelegada do Goberno informou á representante municipal que o Ministerio de Transportes aprobou o proxecto de actuacións de mantemento para a rehabilitación do firme da estrada N-547 nos tramos comprendidos na travesía de Melide e na travesía de Arzúa, que prevé a renovación da calzada e o repintado da sinalización.

A rehabilitación do firme plantexada na N-547 distingue dous tipos de actuacións en función do grao de mellora que se fai necesaria. Unha rehabilitación superficial das zonas sen deterioración estrutural e unha rehabilitación completa naquelas zonas onde existe unha deterioración estrutural, nas que se fresará e estenderá nova mestura ata un total de 20 centímetros de espesor. A actuación completarase coa reposición de toda a sinalización horizontal afectada nos traballos de rehabilitación do firme.

Esta actuación continuará a racionalización e mellora da seguridade viaria que tivo como eixe central a semaforización dos pasos no centro urbano, na zona da alameda, encargándose o Concello da obra civil, completando a actuación coa implantación de luces LED nos pasos de peóns. O investimento foi duns 30.000 euros por parte do Ministerio de Transportes. Tamén se executaron actuacións de fresado e reposición en varios tramos do núcleo urbano, moi castigados polo paso de camións. Na actualidade existe un proxecto de rehabilitación de firmes na estrada  N-547, cun orzamento de 2.014.438,09 euros que inclúe a travesía de Arzúa, que se atopa en redacción.

Antiga casa de correos

A subdelegada do Goberno, xunto con alcalde e a primeira tenente de alcalde, visitou as obras de rehabilitación e conversión da antiga Casa de Correos de Arzúa, situada na rúa das Dores, nun edificio de uso público destinado a actividades culturais.

Trátase dunha obra do Ministerio de Transportes dentro do programa de intervencións de mellora do Camiño Francés a Santiago. Os labores de rehabilitación comezaron a finais do pasado ano e contan cun orzamento de 561.404,80 euros, aos que hai que engadir outros 65.000 euros correspondentes á realización do proxecto. O investimento é íntegro do Ministerio de Transportes.

O proxecto contempla a recuperación da construción orixinal, eliminando os engadidos posteriores que se fixeron e adaptando o edificio á normativa vixente e ao seu novo uso como centro cultural, con actividades relacionadas co Camiño de Santiago e a súa interacción en Arzúa onde conflúen dous trazados (Camiño do Norte e Camiño Francés), e con outros usos culturais que considere o  Concello. 

As intervencións inclúen o acondicionamento do xardín, que quedará incorporado á rede de espazos libres de Arzúa, e a conexión dun itinerario que conecta tanto este novo espazo público co xardín do albergue de peregrinos e o acceso á Capela da Madalena. Os traballos tamén contemplan o tratamento da contorna, ofrecendo solucións de continuidade.

A actuación é desenvolta polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana e forma parte dunha serie de iniciativas executadas polo Goberno de España no ámbito do Camiño de Santiago na idea de realzar no posible o Xacobeo, contribuíndo a dinamizar o turismo e xerar actividade económica local.

A rehabilitación, que afecta a 300 metros cadrados no interior do edificio e case mil metros no exterior, viuse atrasada polo achado de restos arqueolóxicos no xardín e na planta baixa do edificio.

Os restos arqueolóxicos obrigaron a realizar unha modificación do proxecto para abordar o seu tratamento. Na actualidade estase á espera de que a Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta indique cales dos restos arqueolóxicos haberá que protexer e cales poden ser soterrados.  

Cando exista esa autorización, procederase a executar a obra de recuperación do xardín e da rehabilitación da planta baixa, onde se atoparon os restos. 

Por outra banda, María Rivas aproveitou a súa estancia en Arzúa para visitar as instalacións da queixería Barral, recentemente premiada polo seu queixo de tetilla co primeiro premio ao mellor queixo de vaca nova.

A subdelegada do Goberno puido coñecer o proceso de elaboración dos queixos así como os plans de traballo dunha queixería que conta con numerosos recoñecementos pola calidade dos seus produtos.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial