Trazo, 23 de febreiro do 2021 – A Deputación da Coruña acomte melloras na seguridade viaria do concello de Trazo cun investimento de 289.252 euros en tres proxectos distintos.
O Plan Único financiará en Trazo a construción de beirarrúas en Viaño Pequeno e senda en Ventas de Lengüelle; pavimentación de rúas en Viaño Pequeno e conservación de vías en Castelo e Vilouchada.
O primeiro, valorado en 93.215 euros, permitirá a execución de novas beirarrúas nun tramo de 215 metros na vía de Viaño Pequeno na que se atopa o colexio e o tanatorio, que pasarán de ter un ancho de 1 metro a 1,8 metros, e no firme da calzada aplicarase un tratamento por medio de regas e pintaranse as prazas de aparcamento. Ademais, inclúe a continuación da actual senda existente en Ventas de Lengüelle no tramo de 200 metros de lonxitude que resta por construír e que se fará coas mesmas características da actual, instalando tamén unha rede de pluviais e as tubaxes soterradas para a iluminación.
No caso do proxecto para a pavimentación de rúas en Viaño Pequeño, que conta cun orzamento de 77.467 euros, o obxectivo é aplicar unha capa de aglomerado nas vías que comunican a casa do concello co polideportivo, o polideportivo coa CP-5903 e a que, desde esta vía provincial, dá acceso ao tanatorio e o colexio.
Por último, está en licitación tamén por 118.570 euros un plan para a renovación do firme en varios camiños nas parroquias de Castelo e Vilouchada. No caso da parroquia de Castelo, actuarase nun camiño de 300 metros de lonxitude na Igrexa de Castelo e outro de 350 metros en Pumar. Na parroquia de Vilouchada traballarase nun camiño de 510 metros no núcleo de Vilouchada e noutro de 330 metros da Igrexa de Vilouchada. Ademais, o proxecto tamén inclúe a reparación de dous tramos do camiño na estrada da parroquia de Morlán, un de 1.580 metros e outro de 1.260 metros.
O prazo para presentar ofertas a estres tres proxectos remata o 9 de marzo.