Bisbarra, 28 de outubro do 2020 – A Deputación da Coruña ven de presentar a curtametraxe Memorandum para concienciar da necesidade de loitar contra a violencia machista.
Memorandum é unha iniciativa da área de Igualdade da Deputación e estase a difundir nos nos centros de ensino e na rede. Foi realizada baixo un guión de tres alumnas do IES Lamas de Abade de Santiago de Compostela, Xiana Villaverde Munín, Ainoha Caamaño Rey e Elisa Nieves Barreiro, dirixidas pola profesora María del Carmen García Ares.

Entrega do premio ás gañadoras
A curta gañou o VI Concurso de Guións contra a Violencia de Xénero. Ademais dunha cantidade en metálico, o premio consistiu na realización profesional do audiovisual.
O xurado, composto por persoal especializado en igualdade e audiovisual, destacou do guión gañador a súa estrutura técnica e a boa execución do final nun traballo que “fai un retrato dunha realidade moi nosa, moi próxima, cunha trazabilidade histórica que visibiliza a realidade das mulleres”.
O premio consistiu nun curso práctico de realización de curtas, no que se produciu o vídeo que desenvolve o guión gañador, coas autoras como partícipes de todo o proceso. Así mesmo, o centro educativo no que se titorizou o guión gañador recibiu 4.000 € polo premio.
“O obxectivo desta iniciativa é animar á reflexión e sensibilización e, en definitiva, a prevención da violencia machista para o que é fundamental contribuír á igualdade desde a infancia e mocidade”, sinala a deputada María Muíño que inclúe o premio no conxunto de actividades que desde a área de Igualdade se dirixe ás persoas de menor idade “que son as que poden construír un futuro sen discriminación, en igualdade e na que non exista violencia contra as mulleres”.
Ademais deste “Memorandum”, no espazo audiovisual da área de Igualdade pódense ver as curtametraxes gañadoras de anteriores edicións do certame no que, segundo a deputada María Muíño, supón xa “un importante repositorio de materiais para debater e reflexionar nas aulas, que é o obxectivo desta iniciativa e das curtas que cada ano se premian”.
“Convidados de pedra” do IES Poeta Añón de Serra de Outes, gañou a primeira edición en 2014 e inaugura a colección de audiovisuais ao que lle seguen, Corazón amoratado” do IES Puga Ramón; “O Túnel” do IES Moncho Valcarce das Pontes; e “Deámoslle voz”, nunha listaxe á que agora se incorpora “Memorando” e que inclúe tamén os vídeos gañadores do programa “Suprime o control” para a prevención da violencia machista.