Comeza o Festival Terra da Fraternidade con Mercedes Peón e os polacos Warsaw Village Band

0

Compostela, 14 de xullo do 2017 –  Hoxe comeza o festival Terra da Fraternidade de músicas do mundo que abre as Festas do Apóstolo.

A partir das 23 horas, a cantora galega Mercedes Peón ofrece un concerto acompañada dos polacos Warsaw Village Band con quen xa publicou un disco en 2016, ‘Sun celebration’. Ademais, tamén participarán as pandereteiras de Bergantiños, Raigañas.

Mercedes Peón está considerada como unha das mulleres máis carismáticas da world music actual. A variedade das súas composicións que arrancan desde a polirritmia baixo a mirada dos ritmos máis ancestrais culminan en temas eclécticos e vibrantes. O seu amplo repertorio, o embruxo e a enerxía que se apoderan de cada unha das súas actuacións fan desta muller unha aposta segura pola continuidade da escena etnocontemporánea de Europa.

Mercedes Peón Exprésase libre de clichés e espállase polo eido internacional sen ningún esforzo mediático. Os seus últimos traballos están en estreita colaboración con outras disciplinas como a danza –con composicións para o Centro Coreográfico Galego ou a compañía Entremáns– e o cinema con músicas para traballos audiovisuais de Margarita Ledo. Conta con premios nacionais e internacionais tan relevantes como o que outorga o World Music Forum, a revista FolkWorld ou o Premio Nacional da Cultura 2008.

Warsaw Village Band é unha icona da música de Polonia que combina tradición con elementos modernos, e une as audiencias do punk rock e a música clásica. O grupo converteuse na banda polaca máis exitosa do mundo. Recibiu o prestixioso premio BBC Radio 3 Newcomer World Music Award, en 2004.

A pesar de utilizar soamente a técnica da ‘voz branca’ arcaica e tocar instrumentos tradicionais como o violín, o dulcémele ou o Pock fiddle do século XVI, cada un dos álbums gravados en estudo da banda está cheo de experimentos vangardistas e fusións únicas. A última produción do grupo, titulada ‘Sun Celebration’, é produto da amizade de 3 anos coa multiinstrumentista e cantante galega Mercedes Peón, coa que deron un concerto común no escenario principal do festival polaco máis grande ao aire libre, Przystanek Woodstock, cunha audiencia de 500.000 asistentes.

Dentro da música tradicional, o grupo de pandereteiras Raigañas desenvolve una importante e imprescindible tarefa de recolleita e conservación da música popular, máis en concreto do legado musical Bergantiñá. Ao longo destes 27 anos de traballo a dirección do grupo, a maioría das integrantes foron cambiando e o grupo foise enriquecendo de repertorio e de aprendizaxe de cantigas e de sons de aldeas das catro provincias de Galicia. Nas súas colaboracións destacan as do último disco de Luar na Lubre ‘Saudade’ e tamén as dos concertos con Mercedes Peón.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies