Miguel de Lira recibe o Maruxa Villanueva de teatro

0

Padrón, 2 de novembro do 2020 – O concello de Padrón fixo entrega do XIX premio de interpretación Maruxa Villanueva a Miguel de Lira.

O galardón concédese pola traxectoria de Miguel de Lira e pola súa aportación á escena galega. O alcalde de Padrón, Antonio Fernández Angueira, e a concelleira de cultura, Lorena Couso, foron os encargados de  entregar o premio ao actor.

A decisión de outorgar o Premio a Miguel de Lira foi tomada por unanimidade polo xurado, que valorou especialmente a súa interpretación en ‘Curva España’, na que, baixo a súa perspectiva, fixo unha importante posta en valor da oralidade en lingua galega como factor distintivo da teatralidade da comunidade. O premio enxalza a traxectoria do actor e o seu papel como defensor da cultura galega, e promotor dun teatro innovador da man do grupo teatral Chévere.    

Antonio Fernández Angueira, alcalde de Padrón; Miguel de Lira, actor e homenaxeado; e Lorena Couso, concelleira de Cultura do Concello de Padrón.

O xurado estaba presidido por Lorena Couso, concelleira de Cultura, e integrado por expertos en teatro galego como Inma López Silva, escritora e profesora da escola superior de arte dramática de Galicia; Carlos Caetano Biscainho Fernándes, actor e profesor da Universidade da Coruña; Alfonso Becerra Arrojo, dramaturgo, profesor da escola superior de arte dramática de Galicia, membro do consello asesor do Centro Dramático Galego e membro do consello de redacción de revistas galegas do teatro; Roberto Pascual Rodríguez, profesor da escola superior de arte dramática e director da MIT de Ribadavia e Comba Campoi García, actriz, doutora universitaria e especialista en teatro de obxectos.

Na súa intervención, o alcalde de Padrón, enviou unha mensaxe de apoio a todas as familias que sofren en primeira persoa as consecuencias da pandemia da Covid-19 e mostrou a súa admiración polo traballo de Miguel de Lira. Pola súa banda, o homenaxeado agradeceu o premio ao Concello de Padrón por ser o promotor do mesmo premio, ao xurado e a propia figura de Maruxa Villanueva. “Admiro moito a todos os membros do xurado deste premio, penso que todos eles serían merecedores deste galardón”, sinalou o actor. “Dende que me comunicaron que ían darme este premio comecei a investigar sobre a figura de Maruxa Villanueva, e tócame o corazón ver como a xeración desta actriz e cantante tiveron que defender o galego e desenvolver a súa traxectoria dende o exilio. Eu teño a sorte de poder facelo dende aquí, e temos que ser conscientes de que esta sorte débese a todas estas persoas que protexeron e impulsaron o arte galego nas súas distintas vertentes. A cultura galega, malia que agora pode estar ferida, está viva grazas a súa loita”, explicou Miguel de Lira.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial