Compostela, 4 de setembro do 2020 – Esta semana comezou unha nova lexislatura autonómica e quixemos falar co Presidente do Parlamento de Galicia Miguel Santalices.
Desde a bisbarra esquécese a miúdo que é alí onde se aproban as leis que despois os concellos terán, en moitos casos, que aplicar. Miguel Santalices leva moitos anos en política e fixo un importante esforzo para difundir o traballo que se realiza no Parlamento, razón sobrada para coñecelo un pouco máis.
A lexislatura rematada foi complexa, entre outras cousas pola cantidade de grupos políticos presentes na Cámara. Miguel Santalices a valora de xeito positivo porque nas Comisións acadouse un 60% de acordos e no Pleno un 40 %. Agradece o comportamento de todos os parlamentarios e lembra os pasamentos do socialista Raúl Fernández Fernández e do Popular Carlos López Crespo.
O Parlamento de Galicia é a primeira institución do territorio pero segue sen ter entre a poboación, sobre todo nos pobos máis pequenos, a relevancia que debería. É aquí onde se está a facer un esforzo maior. As visitas de escolares ou os recoñecementos de institucións privadas dan mostra de que se esta no bo camiño
O Parlamento de Galicia é ademais patrimonio. Como mencionaba Miguel Santalices ten a mellor colección pública de arte de Galicia pero ten ademais dúas bibliotecas, unha delas a de Ricardo Carballo Calero a quen se lle dedicou este ano o Día das Letras Galegas
A nova lexislatura preséntase moi distinta. Por unha banda a Cámara só terá 3 grupos políticos e iso axilizará o funcionamento. Pero tamén a crise que vivimos terá que marcar o traballo e o consenso para sacar adiante iniciativas que axuden á poboación
Si Miguel Santalices fora mestre sería doado establecer un paralelismo co seu papel de árbitro no Parlamento pero é licenciado en medicina e cirurxía pola USC. Da súa profesión saca, según nos conta, a concentración precisa para atender a todo o que pasa na Cámara
Si un coñece o percorrido profesional de Santalices é imposible non reparar no seu papel como director do Psiquiátrico de Toen. A bricandeira é doada pero o certo é que coñecer a psicoloxía das persoas ten dalgún xeito que axudar a lidar cos parlamentarios. Ao propio presidente se lle pasou pola cabeza a comparación
Como nos sucede a todos, Miguel Santalices nunca pensou atoparse nunha situación como a actual. Lémbranos que curiosamente antes de ser Parlamento, o edificio no que falamos, foi misión biolóxica dirixida por Cruz Gallástegui e pensa que a sanidade e a economía marcarán a lexislatura. Pídelle aos Deputados que transmitan a importancia da prevención para acabar coa pandemia.
A conversa con Miguel Santalices é doada, sabe escoitar e escoitalo falar é un pracer. Transmite seguridade no que di e iso é máis do que moitos políticos son capaces de dar. Non está nas súas mans lexislar pero é unha peza fundamental para que os engrenaxes do Parlamento funcionen e a súa experiencia é unha das mellores ferramentas da Cámara.