Melide, 23 de xuño do 2019 – O concello de Melide e a asociación Milli Riders presentaron a sétima edición do Festival Motorock que se celebrará a vindeira fin de semana.
Os Milli Riders estiveron acompañados polo novo alcalde, José Manuel Pérez. Serán tres días de actividades. do 28 a 30, no que xa é unha cita consolidada. O encontro conservará o seu lugar de celebración do 2018 nas inmediacións do parque Rosalía de Castro.
José Manuel Pérez, alcalde de Melide, agradeceu á asociación moteira local que “un ano máis poidamos presentar un cartel tan completo, que dá boa fe de que o traballo ben feito sempre dá os seus froitos. As anteriores foron un éxito e esta sen dúbida tamén o será”. O presidente do colectivo Milli Riders, Emilio Gómez, apuntaba que “cada ano intentamos que o Festival Motorock sexa capaz de acoller actividades que poidan gustar a todas as idades, xa que queremos que non só os afeccionados ás motos se acheguen a Melide a vindeira fin de semana senón tamén, ser capaces de agradar a todos os vecinos e veciñas de Melide”.
Programación
O VII Festival Motorock Milli-Riders comezará en Melide o venres 28 de xuño cos concertos de Leirabuxo, Os Residuos atractivas e Dagla. O sábado 29 de xuño continuarán coa actividade con espectáculos moteiros e o concerto de Motores, Vargas Blues Band e Automatas Beat. O domingo 30 de xuño será o último día do festival moteiro melidense que contará cunha ruta moteira e cunha entrega de trofeos e premios aos asistentes.