Últimos días para “Mirar de novo” con Afundación

0

Compostela, 3 de xaneiro do 2021 – Afundación mantén aberta a exposición “Mirar de novo. A muller contra o tempo” no Centro Obra Social ABANCA de Santiago ata o vindeiro día sete.

A exposición, no edificio de Afundación na Praza de Cervantes, enmárcase na campaña promovida en colaboración con FESBAL (Federación Española de Bancos de Alimentos), “Cultura por alimentos”, mediante a cal o público visitante ás actividades da Obra Social pode colaborar cos bancos de alimentos locais a través da doazón de alimentos non perecedoiros depositándoos nos colectores habilitados ao efecto nos centros da entidade.

Baixo o comisariado dos especialistas en arte David Barro e Diego Cascón Castro, coa supervisión e elaboración do texto analítico do catálogo da experta e crítica de arte Mónica Maneiro, seleccionáronse un total de 32 pezas realizadas por 29 artistas, mulleres todas elas, de entre as obras pertencentes ás coleccións de arte ABANCA e Afundación, aos que se suman, en calidade de cesións, creacións procedentes de museos de prestixio como o Museo de Bellas Artes de Asturias, a Fundación RAC e prestatarios particulares.

“Mirar de novo. A muller contra o tempo” constitúe unha proposta de reformulación da tradicional mirada ao canon da historia da arte, centrando o foco en creadoras que, contrariamente á tradicional exclusión das mulleres, si obtiveron recoñecemento amplo polo seu traballo. Nesta ocasión, e cumprindo cun dos eixes estratéxicos de Afundación a prol da difusión da cultura e do coñecemento Afundación propón un novo enfoque que permita facernos conscientes da creación feminina, tan frecuentemente ignorada, no panorama artístico desde finais do século XIX ata finais do século XX.

Esta mostra permite ademais visualizar o grao de marxinalización ao que estas creadoras foron sometidas, mesmo cando foron elas as que abriron novas e interesantes vías para explorar tendencias artísticas rompedoras.

Unha das achegas destacables tamén desta exposición é a inclusión dun Timeline, como nova liña cronolóxica, conceptualizado por David Barro e deseñado por Cristina Moralejo. Este gráfico de picos ilustra, nunha múltiple liña de tempo, a evolución de movementos, tendencias e estilos desde o ano 1900 ata a actualidade, incorporando o nome de mulleres que foron parte destes movementos e a quen se lles negou a visibilidade e o recoñecemento que si obtiveron os seus coetáneos varóns. Unha relectura da historia da arte contemporánea que pretende facer xustiza sobre a participación das mulleres na arte.

Xa que logo, esta exposición concíbese tamén como un compromiso de ambas as entidades coa consecución dos ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) marcados pola ONU. Neste sentido, trátase de avanzar no ámbito da igualdade mediante o reforzo de iniciativas concordantes co ODS 05 a prol da eliminación de calquera condicionante de xénero. Maruja Mallo, Julia Minguillón, Menchu Lamas, Berta Cáccamo, Elena Colmeiro, Maria Blanchard, Pamen Pereira, Helena Almeida, Carmen Calvo, María Xosé Díaz, Susana Solano, Soledad Sevilla, Tatiana Medal, Antía Moure, Mónica Alonso, Shirin Neshat, Fiona Rae, entre moitas outras, son algunhas das artistas cuxas obras están presentes nesta mostra.

“Mirar de novo. A muller contra o tempo” permite consolidar, así mesmo, a vocación cosmopolita desde o local, compartida por ABANCA e a súa Obra Social, Afundación. Así, pártese dunha esencia de creación artística feminina galega, para ampliar o contexto e comprobar como este movemento resoou en moi distintas latitudes. Desde a iconoclastia das sen sombreiro, onde se pode situar a Maruja Mallo, ata as renovacións tras décadas de imposición, como a trazada por Menchu Lamas, o século que abrangue «Mirar de novo. A muller contra o tempo» caracterízase por constituír o prólogo a un novo paradigma autorial caracterizado pola vocación da inclusión en igualdade.

«Mirar de novo. A muller contra o tempo» complétase cun exhaustivo catálogo homónimo que conta cun texto analítico asinado por Mónica Maneiro e unha introdución dos comisarios, David Barro e Diego Cascón Castro. En presentación trilingüe, está á disposición a modo de consulta breve en formato flippingpage e pódese adquirir na Tenda online da páxina web de Afundación.

Poderá visitarse de martes a venres de 17 a 21.00 h e os sábados e festivos de 11.30 a 13.00 h e de 17.00 a 21.00 h.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies
Social media & sharing icons powered by UltimatelySocial