“O mozo da última fila”, de Redrum Teatro, este venres en Ames

0

Ames, 26 de xaneiro do 2022 – A programación de artes escénicas de Ames pecha este venres en Bertamiráns con “O mozo da última fila”, de Redrum Teatro.

As entradas poden adquirirse xa a través da Billeteira electrónica do Concello de Ames. A cita co “O mozo da última fila” será na Casa da Cultura de Bertamiráns a partir das oito e media da tarde de este venres día 28.

A obra, en clave de comedia, céntrase na historia de Claudio, un estudante de dezasete anos que non soporta as clases, e en Xermán, o seu profesor de Lingua e Literatura, co que empeza a compartir relatos a raíz dunha redacción sobre unha fin de semana na casa dun amigo. “O mozo da última fila” transmite a necesidade de contar e escoitar historias, e de formar parte e de imaxinarnos dentro delas.

Como parte dunha tarefa de fin de semana para o instituto, Claudio redacta unha historia sobre a familia do seu amigo Rafa Artola, á que consegue coñecer na súa casa e coa que levaba obsesionado todo o verán. O texto sobresae por riba dos demais e chama a atención do seu profesor de Lingua e Literatura, Xermán, que queda intrigado  pola capacidade de observación do mozo.

“O mozo da última fila” é unha das obras máis destacadas do dramaturgo Juan Mayorga (Madrid, 1965), polo que recibiu o premio Max ao mellor autor en 2008, e que o director francés François Ozon adaptou ao cinema. O filme “Dans la maison”, estreado en 2012, gañou a Concha de Oro no Festival de San Sebastián e o Premio da Prensa FIPRESCI no Festival de Toronto.

O texto da representación foi seleccionado no ano 2018 como parte das campañas de animación á lectura dos centros de educación secundaria. Por este motivo, o departamento de Cultura decidiu enviar varios convites aos institutos amesáns, co fin de que sorteen ou repartan estas entradas entre o seu alumnado.

Share.

Comments are closed.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies